O xornalista gastronómico José Orriols pregoará a 60ª edición da Festa do Viño do Condado do Tea

O xornalista José Manuel Orriols é Premio de Gastronomía de Galicia 2008 e vai ser pregoeiro da 60ª da Festa do Viño do Condado, en Salvaterra. Foto remitida polo xornalista.

O xornalista ferrolán José Manuel Orriols, que vai ser pregoeiro da Festa do Viño do Condado do Tea, creou a revista mensual ‘De Vinos e Gastronomía’ que actualmente continúa coa cabeceira ‘Hum’. Entre os galardóns recibidos, cabe mencionar o Percebe Oro de empresarios galegos en Cataluña, na gran noite de Galicia en Barcelona; o ​​da DO Ribeiro (2014) e o de Premio de Gastronomía de Galicia 2008.

Salvaterra de Miño comeza esta tarde a Festa do viño coa cata comentada de viños brancos da DO Rías Baixas. Na tarde do martes, día 20, a cata vai ser sobre viños brancos das DO galegas (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras). Os viños brancos e tintos da subzona do Condado do Tea-DO Rías Baixas terán catas comentadas o mércores 21. Estas catas son para as persoas que se inscribiron con anterioridade para esta actividade no Concello.

VENRES

A inauguración oficial da 60ª edición da Festa do Viño do Condado do Tea vai celebrarse o venres, 23, a partir das 20.00 horas, no recinto do Castelo. Actuará a Banda de gaitas Pontenova e a charanga Va K Pinta. A partir das 23.00 horas concerto de Lys Pardo e La Supersonic. A noite do venres ao sábado, vai ser a primeira das tres noites gastronómicas da Festa. Haberá postos de venda de polbo, marisco, embutidos, tapas, churrasco, lamprea rechea e porco ao espeto.

SÁBADO

Coa cata á procura dos viños deliciosos do ano segue a festa do viño ás 10.00 horas do sábado. Ás 11.00 xa abren os postos de comida e viños. Durante este día as charangas OT e MIL9 ambientarán o recinto da Festa. Na noite gastronómica ademais dos produtos da terra e do mar nos postos, haberá a actuación en directo de Xosé Manuel Budiño e Monoulious D.O.P.

DOMINGO

A derradeira xornada dominical da Festa do Viño comeza ás 10.30 horas co desfile de Bandas de Gaitas e Grupos Folclóricos. Ás  11.00 horas a tradicional recepción das Confrarías e autoridades na praza da Constitución, no Concello. As confrarías invitadas desfilarán xunto coa Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos ata o recinto amurallado.

Quince minutos máis tarde aproximadamente, comeza o nomeamento de novos confrades da Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos. De seguido farase público o fallo do xurado sobre os Viños Deliciosos do Ano no Salón de Plenos do Concello de Salvaterra.

Ás 12.30 horas, no recinto amurallado, lectura do pregón da festa a cargo do xornalista especializado en gastronomía galega José Manuel Orriols. Durante a visita ao recinto da Festa das autoridades e invitados, actuarán as charangas MIL9 e Doctor Anchoa.

Coa derradeira noite gastronómica, cos produtos para degustar no recinto da festa actuarán en concerto 2CON2 e 21 GRAMOS.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada