60 edición da Festa do Viño do Condado do Tea

Membros do panel de cata da DO Rías Baixas destacan o alto nivel das elaboracións de brancos Condado e Albariño así como nos tintos

Nos tintos “hai un futuro enorme que aínda non esta suficientemente recoñecido en Galicia”, Bruno Kammerer

O secretario da DO Rías Baixas, Ramón Huidobro, dirixiu o panel de cata.

As catas para declarar os viños Deliciosos de 2018 protagonizaron a 60ª edición da Festa do Viño do Condado do Tea-Rías Baixas. Un panel dunha ducia de catadores probou 28 Albariños e 11 Condados. Mañá vanse dar a coñecer os viños premiados ás 11 da mañá na Casa do Concello de Salvaterra de Miño.

En xeral hai un común acordo de que tanto os brancos Alabariños e Condados así como os tintos están a mellorar ano tras ano. Así concluían os catadores Luís Paadín, Javier Pérez Casto, César Alonso e o suízo Bruno Kammerer cos que falou Grupo ES.

Kammerer, que leva vindo á Festa do Viño do Condado desde 1970, afirmou que “notei que este ano os viños Condado superan os Albariños. O Condado ten unha calidade…, tamén o Albariño…ten mérito, pero o Condado ten máis personalidade, máis garra”.

Tamén, en certa medida, Paadín coincide con Kammerer. “Nos Condados houbo un paso adiante”. E engade: “Ata agora os Condados eran máis lixeiros e agora conseguen ser viños con máis corpo”.

Pola contra, Bruno Kammerer ponlle unha tacha aos Albariños respecto os lévedos que utilizan. “Con esas lévedos de laboratorio pódese manipular moi ben o viño, pero este perde a súa personalidade”.

Dos Albariños, Luís Paadín subliña a súa “frescura” que non debe ser suprimida.

Outro membro do panel de catas de Rías Baixas, Javier Pérez Castro, cre que “imos adiante” e os viños teñen un “marcado carácter varietal”. Nos Condados fala dun “caracter moi especial” e asegura que dos 11 presentados todos merecen o título de Deliciosos porque son viños “excelentes”.

O catador César Alonso afirma que atopou “un nivel moi alto tanto nos brancos coma nos tintos”. Brancos que para el reflicten a calidez do clima moi semellante á anada do 2017.

Por outra parte,  Bruno Kammerer asegura rotundamente que “o futuro do viño de Galicia é o Condado e o Godello. Aí hai calidade”, repite.

TINTOS

Kammerer declara que “me sorprendeu, outra vez, a calidade dos tintos”. Nos tintos “hai un futuro enorme que aínda non esta suficientemente recoñecido en Galicia”.

O segredo desta mellora apúntao Paadín que di que está en que os viñedos son un pouco máis vellos. Neste mesmo sentido, César Alonso sinala o “traballo en adega” que se está a facer cos tintos.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada