José Manuel Orriols, xornalista gastronómico e pregoeiro: “Os viños non só traen recordos senón que sempre nos contan algunha historia”

José Manuel Orriols tras la entrevista con Grupo ES. en el hotel rural de Tortoreos.

José Manuel Orriols é unha persoa bondadosa. É a conclusión da conversa que mantivo Grupo ES. co pregoeiro da 60ª edición da Festa do Viño do Condado.

Unhas horas antes confesa que “se o penso ben, non lle digo que si a alcaldesa”. E no seu pregón vai “deixar falar o corazón”. Ten moitos recordos desta comarca. Cando tiña 20 anos e aínda non era xornalista, traballaba de comercial nunha empresa de brandy e lembra como intercambiaba o prezado licor por café Sical, o mellor de Portugal.

Xa máis tarde, traballando na TVE e logo na TVG tivo oportunidade de visitar o Condado do Tea. E coñeceu as súas xentes. Lembra a Mariano Peláez de Marqués de Vizhoja, a Antonio Lago de Señorío de Sobral e incluso ao ex alcalde, Arturo Grandal a quen cualifica de “sempiterno”. Mantivo conversas con Eliseo Alonso…

Para Orriols, os viños sempre traen recordos como dicía Mariano Peláez e engade “non só recordos senón que sempre nos contan algunha historia”.

Declárase fan dos viño do Condado: “A min gústanme particularmente”. E insiste no carácter diferenciado dos viños desta subzona de Rías Baixas. “Son saborosos, engaiolantes e namoran”.

Para este veterano xornalista ferrolán, o viño “é ledicia, ilusión” e un colaborador para a amizade, a convivencia e, en xeral, para as relacións humanas”.

O minifundismo galego incomoda a José Manuel Orriols porque dificulta que Galicia sexa unha grandísima terra de viños.

Fala dos brancos galego e exulta. Dos tintos galegos di que toman corpo e xa son capaces de crianzas cada vez máis longas.

Por iso, Orriols di que os viños galegos hai que defendelos. Son parte desa Galicia de calidade.

Sobre os viños portugueses, non atopa diferenzas. “As viñas galegas son portuguesas e as portuguesas son galegas”. Só cambia a “forma de tratalos”. E remata: “Non lle vexo máis diferenza que o nome. Albariño/Alvarinho”.

Para a maridaxe gastronómica, afirma que temos a “mellor despensa de España. Todo o que temos e de primeira calidade”. Gastronomía “simple” que non precisa ser disfrazada con mollos…

Orriols vai ser investido mañá como confrade da Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos. El xa pertence a outras confrarías gastronómicas.  Na súa modestia di: “Teño unha vida moi longa e sempre se lembran de min…”.

Para ser xornalista gastronómico non se precisa ningún requisito especial, opina. Aínda que está de brincadeira coa súa barriga…Como en calquera especialización xornalística cre que o fundamental é “ter vocación”. Logo contar o mellor posible. A información sobre gastronomía e viños considéraa “un gran tesouro na man”. E certifica con exemplos o interese da xente por esta información.

Arremete Orriols contra as interpretacións ou versións dos pratos tradicionais por parte dalgúns cociñeiros. Critica que os poderes públicos axuden e contribúan a enxalzar tanto a estes, deixando desprotexidos os autores da cociña tradicional. Cociña galega que quere a xente. O outro son chef galegos facendo a súa cociña que non acostuma ser cociña galega.

En fin, José Manuel Orriols esta esta noite convidado a cear coas autoridades no castelo nunha inesquecible noite gastronómica, ben acompañado e con produtos da terra e do mar de Galicia.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada