60ª Festa do Viño do Condado do Tea

Valcárcel insiste na implicación de todas a administracións para o grao de enoloxía en Vigo e concentración parcelaria que facilite a instalación das adegas

A adega Señorío de Rubiós consegue catro premios de Deliciosos do ano

Horacio Gómez Araújo, novo confrade da Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos.

A Festa do Viño do Condado do Tea tivo na súa 60ª edición novidades como ter á fronte a nova alcaldesa, Marta Valcárcel, así como pequenas variacións de escenario para os eventos. O nomeamento de novos confrades e a lectura dos premios dos Deliciosos fixéronse na Casa do Concello de Salvaterra. O pregón tamén cambiou de situación e foi no enorme palco instalado no recinto amurallado.

Valcárcel aproveitou a presenza do conselleiro do Medio Rural, José González, para reivindicar a creación dun grao universitario de enoloxía en Galicia, concretamente en Vigo –“polo peso do sector nesta comarca”- , dixo. A alcaldesa lembrou que xa se solicitou a mediación da Xunta no Consello de Universidades para esa titulación académica.

O outro punto da alcaldesa Salvaterrense foi a petición de concentración parcelaria. “A día de hoxe as adegas teñen moitos problemas para crecer”. Concretou en casos de adegas de fóra de Galicia que se queren instalar e investir aquí e atópanse co problema do minifundismo.

Marta Valcárcel presumiu de Museo da Ciencia do Viño. “Creamos un punto de referencia para todo o sector. É o nexo de unión; a aposta polo sector. Esa promoción do produto que leva o nome da nosa comarca e do noso Concello polo mundo adiante”.

Ademais, Valcárcel salientou que se están a poñer as primeiras pedras do proxecto ‘Miño navegable’ “que entrelaza o turismo coa Historia e coa Natureza, e sobre todo, coa nosa viticultura”.

Finalmente, na súa breve intervención recoñeceu o labor do ex alcalde Arturo Grandal a prol do sector vitivinícola. “Arturo, felicidades e grazas por ese apoio aos nosos caldos”.

Na mesa, xunto á alcaldesa e ao conselleiro de Medio Rural, José González, estaba, en representación da presidenta da Deputación, Carlos López Font, e o presidente da DO Rías Baixas, Juan Gil. Entre as autoridades presentes, na primeira ringleira de cadeiras, estaba a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, o anterior delegado, Ignacio López Chaves, o senador Miguel Fidalgo Iglesias e a concelleira de Turismo de Vigo, Mª Carmen Lago Barreiro.

A Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos incorporou sete novos confrades: José Iglesias Ubeira, Xero Domínguez Riveiro, Marta Araújo Losada, Emilio José Fernández Iglesias, Javier Pérez Castro e Horacio Gómez Araujo. Como membro de honra, entrou na confraría o xornalista experto en gastronomía José Manuel Orriols Núñez, que este ano foi o pregoeiro da festa. Todos recibiron o mandil de toneleiro, o diploma correspondente, a medalla, e xuraron defender o viño do Condado. O mestre da cerimonia foi o presidente, Antonio Alén.

Os premios Deliciosos 2019, correspondentes á anada 2018, foron catro para Bodegas Señorío de Rubiós: o Tinto Señorío de Rubiós Sousón; ouro, na categoría de Albariños, Manuel Damaro Laiño; en Condados, o ouro con Piñeiral e bronce con Señorío de Rubiós. Pola súa parte, a adega cooperativa Eidosela conseguiu a prata na categoría Condado con Arbastrum e en Albariños o bronce con Eidosela. Pazo de Pegullal (de Bodegas Pegullal elaborado por La Val), en Albariños consiguió a prata.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada