Galicia acollerá en 2020 unha reunión do Comité das Rexións sobre o Camiño de Santiago como modelo distinto de turismo en Europa

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, reciben ao peregrino 100.000 deste ano. Estarán acompañados pola comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira

Galicia acollerá no ano 2020 unha reunión do Comité das Rexións sobre o Camiño de Santiago como modelo distinto de turismo en Europa segundo a votación que tivo lugar hoxe en Bruxelas, onde a candidatura galega competía coa proposta da cidade alemá de Wismar, capital de Mecklemburgo Noroccidental. Tras unha votación xeral cargada de incerteza, os membros do CdR elixiron finalmente a candidatura de Galicia, o que permitirá subliñar o carácter europeísta da nosa comunidade como etapa final do Camiño de Santiago e estreitar os vencellos no eido da Unión Europea, asentados nos valores da solidariedade e a concordia.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, anunciou que a proposta galega de actividades externas consistirá nunha reunión dos membros do CdR, xunto a unha conferencia sobre posibles modelos de turismo sustentable na UE, co Camiño de Santiago como caso representativo dentro deste sector económico. Ambas actividades vanse celebrar durante o primeiro semestre do ano 2020 en Santiago de Compostela. Gamallo defendeu a pertinencia da proposta galega ante o resto de representantes rexionais e locais europeos, ao estar directamente relacionada co programa de traballo e as prioridades políticas da Comisión NAT e do propio Comité Europeo das Rexións no tocante ao desafío do turismo sostible.

A proposta galega saíu elixida por diante da candidatura alemá de Wismar por un amplo marxe de votos na decisión final dos membros do CdR na cuarta reunión do ano da Comisión de Recursos Naturais (NAT) do propio Comité

Para o Goberno galego, o Camiño de Santiago representa un bo exemplo para outras rexións e cidades europeas que buscan un modelo de turismo capaz de axuntar o desenvolvemento económico e a competitividade, coa sustentabilidade dos recursos naturais e o patrimonio, funcionando así mesmo, como elemento vertebrador da cultura rexional e da cohesión social e xeográfica. Ademais, o director xeral tamén remarcou na reunión que o desenvolvemento de novos modelos de turismo debe ir da man dunha progresiva dixitalización e de innovación, para así lograr unha oferta turística atractiva, competitiva e sustentable.

Deste xeito, a Xunta de Galicia organizará en 2020 esta reunión da Comisión NAT sobre o Camiño e outras vías posibles de turismo sustentable nas rexións e cidades da UE, como antesala ao proxecto do Xacobeo 2021. Dentro de dous anos, o Xacobeo 2021 conmemorará en Galicia o Ano Santo Xacobeo para, entre outros obxectivos, destacar e promocionar a riqueza cultural, natural, humana e empresarial do Camiño de Santiago; visibilizar o patrimonio cultural da ruta xacobea; impulsar a dinamización das áreas rurais atravesadas polo Camiño; e convidar ao diálogo sobre este gran itinerario cultural europeo.

TURISMO NA UE

O debate que abriu esta cuarta reunión anual da Comisión NAT titulouse ‘Turismo: novas tendencias, desafíos e solucións’, e foi introducido polo presidente da Comisión NAT, o finés Ossi Martikainen, intervindo como relatores diversos membros do CdR, representantes da Dirección Xeral de Crecemento (DG GROW) da Comisión Europea, xunto ao presidente da Rede de Rexións Europeas para un Turismo Competitivo e Sostible (NECSTouR) da que Galicia forma parte.

O futuro evento da Comisión NAT, que se celebrará en 2020 en Santiago, constará dunha conferencia sobre posibles vías de explotación do turismo sustentable na UE e unha reunión entre os representantes rexionais e locais do CdR

Este debate xeral sobre o turismo europeo serviu coma un punto de encontro fronte á preocupación existente tanto nas administracións rexionais e locais da UE coma no propio Comité Europeo das Rexións ante a masificación do turismo europeo. Concretamente, pola presión significativa que sofren as infraestruturas, os recursos naturais e a capacidade de acollida das comunidades locais coa visita, ano tras ano, de miles de millóns de turistas internacionais. Esta situación está levando a algúns dos destinos europeos máis populares (Venecia, Bruxas, Dubrovnik…) a tomar cada vez máis medidas para protexer as súas paisaxes, monumentos e poboacións locais.

Por esta razón, a Comisión NAT decidiu celebrar este debate a fin de estudar a cuestión da sustentabilidade da industria turística europea e o seu impacto nas comunidades locais e rexionais da UE. Esta liña de traballo do Comité Europeo das Rexións respecto ás posibles formas de turismo sustentable entronca cun documento do Consello da UE publicado en maio que indica que o turismo é un dos sectores centrais da economía europea, cuns efectos cada vez máis positivos sobre o crecemento económico, o desenvolvemento rexional e o emprego de toda Europa. Isto é debido a que o sector turístico representa preto do 10% do PIB da Unión e uns 12 millóns de postos de traballo. De feito, a Unión Europea é o primeiro destino turístico mundial, cunha cota de máis do 40% do mercado mundial en 2018.

A COMISIÓN NAT

Neste mandato, Galicia participa tanto na Comisión de Recursos Naturais (NAT) coma na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións. A Comisión NAT do CdR ocúpase de temas como a Política Agrícola Común (PAC), o desenvolvemento rural, a silvicultura, a produción alimenticia, a política pesqueira común ou a política de asuntos marítimos, entre outras atribucións.

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada