«O universo musical de Andrés Gaos (1874 – 1959)», unha homenaxe á vida e obra do compositor galego

Andrés Gaos.

Afundación, a Obra Social de ABANCA, e a Universidade de Santiago de Compostela presentan o proxecto expositivo «O universo musical de Andrés Gaos (1874 – 1959)», un excepcional percorrido pola vida e a obra do recoñecido compositor galego Andrés Gaos neste ano 2019 denominado «Ano Gaos» no que se cumpren 60 anos do seu falecemento.

Presentarase aos medios mañá, martes 8 de outubro, ás 11.00 h na Sede Afundación da Coruña, nunha rolda de prensa que contará coas intervencións dos dous comisarios da mostra e profesores da Universidade de Santiago de Compostela, Montserrat Capelán e Javier Garbayo, e da coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela.

A mostra está conformada polo legado do compositor conservado no Fondo Gaos, recentemente doado polo seu fillo á Universidade de Santiago de Compostela. Amosa as diferentes facetas do músico coruñés, desde a de intérprete e director, ata as de compositor e mestre, á par que se repasan as súas experiencias vitais e relacións persoais. Inaugurarase o vindeiro xoves 10 de outubro e poderase visitar ata o 14 de decembro, de luns a venres en horario de 17.00 a 21.00 h, e sábados e festivos de 12.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h.

Mañá pola tarde comezarán as actividades organizadas no marco desta mostra con «O violín restaurado de Andrés Gaos», un concerto a cargo do pianista Julio Mourenza e do violinista Florian Vlashi, quen fará a súa interpretación cun violín de finais do século XVIII que foi utilizado por Gaos no seu momento, despois de anos de desuso e tras pasar por un coidado proceso de restauración. Será a partir das 20.00 h no Auditorio da Sede Afundación da Coruña.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada