Este xoves, 10 de outubro, nas instalacións de formación que Afundación ten no número 33 da compostelá rúa Nova, a partir das 10.00 horas

O ‘Curso Superior de Técnico de Urbanismo 2019-2020′ comeza cun relatorio sobre a inseguridade xurírica en materia de planeamento e a problemática da nulidade dos plans’

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas (i), mantivo un encontro de traballo coa directora do Curso do Colexio de Arquitectos de Galicia, Elvira Carregado. ARQUIVO.

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) promoven o Curso Superior de Técnico de Urbanismo 2019-2020. O acto de inauguración terá lugar mañá xoves, 10 de outubro, nas instalacións de formación que Afundación ten no número 33 da compostelá rúa Nova, a partir das 10.00 horas.

Á presentación asitirán a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas; a subdirectora xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais, Raquel Bahillo; a decana do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Elena Ampudia; a directora académica do curso, Elvira Carregado; o presidente do Colexio de Arquitectos de Santiago, Ángel Cid; xunto a un representante da EGAP.

Unha vez realizada a inauguración oficial e presentados os contidos do curso, celebrarase un relatorio inaugural que versará sobre “A inseguridade xurírica en materia de planeamento. A problemática da nulidade dos plans”. Os encargados de impartilo serán Juan Antonio Hernández Corchete, maxistrado do Tribunal Constitucional, e María José Valenzuela Rodríguez, xurídica da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Xunta de Galicia (APLU).

ORDENACIÓN E XESTIÓN TERRITORIO

Este “Curso Superior de Técnico de Urbanismo”, homologado pola EGAP, diríxese a arquitectos interesados en ampliar os seus coñecementos cunha formación especializada no campo do urbanismo, a profesionais en exercicio do ámbito urbanístico que necesitan actualizar a súa formación en xestión urbanística, así como a persoal público que traballa neste eido.

O curso, que conta con 40 inscritos, prolongarase ata decembro de 2020 e todos os traballos e talleres prácticos desenvolveranse en Santiago. O seu obxectivo principal é que os alumnos adquiran os coñecementos teórico-prácticos e as habilidades que os capaciten para traballar nas disciplinas da ordenación do noso solo e responsabilizarse dos procesos de xestión do territorio.

O estudo do urbanismo e a ordenación territorial farase partindo da normativa urbanística estatal, facendo referencia, nos aspectos de maior interese, á normativa autonómica e, en especial, á da Comunidade Autónoma galega. Combinará o estudo dos fundamentos teóricos cunha completa formación práctica, que no ámbito urbanístico é variada e complexa.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada