La Strada, de Federico Fellini, en Vigo

La Strada, a versión teatral da película de Federico Fellini, dirixida por Mario Gas e cun elenco conformado por Mar Ulldemolins, Alfonso Lara e Alberto Iglesias.

Continúan as representacións incluídas na Tempada de Teatro de Afundación, a Obra Social de ABANCA. A seguinte produción en saír a escena será La Strada, a versión teatral da película de Federico Fellini, dirixida por Mario Gas e cun elenco conformado por Mar Ulldemolins, Alfonso Lara e Alberto Iglesias. Poderase ver o vindeiro domingo 20 de outubro, ás 20.00 h, no Teatro Afundación de Vigo.

As entradas están dispoñibles na web Ataquilla.com para todas aquelas persoas que non adquirisen un abono de tempada, que supón un aforro do 20 % con respecto ao importe das entradas soltas.

LA STRADA

La Strada conta a historia de tres personaxes que se atopan no camiño durante a posguerra. Tres personaxes atrapados nunha vida á que están condenados polo seu propio carácter a un destino tráxico que resulta inevitable.

A través de tres personaxes case sen artificio, La Strada fala de todos nós, da nosa dificultade para cambiar, para loitar contra as ideas preestablecidas que moldean o noso pensamento de forma invisible, da nosa cegueira para romper as cadeas que nos impiden saír da caverna e coñecer, para ser máis libres.

La Strada é unha fábula de rabiosa modernidade. Unha traxedia onde o dramático e o simbólico conforman un relato poético sobre a fraxilidade coa que construímos o sentido da nosa vida.

A poesía e a miseria únense nesta obra que reflicte a Italia da posguerra. Todo comeza cando unha rapariga inxenua e tranquila é vendida pola súa nai a un forzudo de circo, bruto e violento para que lle axude no seu espectáculo ambulante. No camiño xorde entre eles un indicio de amor, que non consegue aflorar a causa do orgullo del e a timidez dela. Ambos comparten unha profunda soidade e unha vida de marxinación, desarraigamento e miseria, ata que se atopan co Tolo, outro artista de circo que provocará os celos de Zampanó e con iso un tráxico desenlace.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada