O Sergas e a Asociación Avelaíña colaboran na atención sociosanitaria a persoas con problemas de saúde mental das comarcas de Condado e Paradanta

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asina un convenio de colaboración entre o Sergas e a Asociación Avelaiña de axuda ás persoas con problemas de saúde mental.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e a presidenta da Asociación Avelaíña de Axuda ás Persoas con problemas de Saúde Mental, María Fernanda Orduna Vela, asinaron hoxe un convenio de colaboración entre o Sergas e a devandita asociación ao obxecto de achegar a atención sociosanitaria ás persoas con enfermidade mental e aos seus familiares nas comarcas de Condado e Paradanta.

En base ao convenio asinado, o Sergas achegará unha cuantía de 25.000 euros para o desenvolvemento, por parte da Asociación Avelaíña, do proxecto Achego, consistente nunha serie de actividades para achegar a atención sociosanitaria ás persoas con enfermidade mental nas comarcas de Condado e Paradanta.

A Consellería de Sanidade, o Sergas e a Asociación Avelaíña consideran de particular importancia o establecemento de accións conxuntas que promovan o coñecemento da enfermidade mental e favorezan a integración social das persoas que padecen, así como apoiar á familia e aos coidadores, aos efectos de mellorar a calidade de vida destas persoas.

As persoas enfermas mentais adoitan vivir coa súa familia, precisando os familiares apoio multidisciplinar dende o ámbito da atención primaria de saúde. En Galicia, o modelo de atención na saúde mental prioriza a atención na comunidade galega e a integración social do enfermo, debéndose levar a cabo programas de achegamento á poboación xeral e, en especial, de non discriminación neste colectivo.

Cómpre subliñar que o proxecto Achego que desenvolverá a Asociación Avelaíña susténtase nunhas serie de liñas básicas de actuación. A primeira delas é ofrecer unha unidade de apoio comunitario en saúde mental que preste servizo de información e asesoramento no que atinxe á prevención e promoción da saúde mental, mediante accións de intervención socioeducativas (charlas formativa, asesoramento…) dirixidas tanto á prevención de enfermidades mentais como á promoción dun estilo de vida saudable.

Tamén se enmarca nesta liña un servizo de apoio psicolóxico, para persoas con problemas de saúde mental, familiares e/ou coidadores, así como un servizo de rehabilitación psicosocial para persoas con enfermidade mental, de xeito individual e/ou grupal, tratando mediante Plan Individualizado de Atención a estimulación cognitiva, psicoeducación e adherencia ao tratamento, actividades de vida diaria, hábitos saudables, autocontrol e manexo do estrés, terapia ocupacional e ocio e tempo libre.

Outra das liñas básicas de actuación do proxecto Achego é ofrecer un servizo de atención domiciliaria a aquelas persoas que teñan limitacións que lles impida acceder a outros recursos. Neste senso, ofreceráselles a estas persoas un servizo de soporte psicosocial e un servizo de apoio a familiares e/ou coidadores (información e asesoramento así como apoio emocional).

A coordinación cos servizos sociosanitarios e comunitarios dos concellos de Condado e Paradanta é outra das liñas básicas na que se sustenta o proxecto Achego. E, neste eido enmárcase a difusión dos servizos ofrecidos tanto con visitas presenciais ao resto de servizos existentes nos concellos de Condado e Paradanta coma empregando outros medios (cartelería, páxina web, redes sociais…).

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada