Profesionais extranxeiros do turismo de congresos e eventos viaxan convidados a Galicia

Fachada exterior del Palacio Municipal de Congresos de Campo de las Naciones.

O Clúster Turismo de Galicia, co apoio da Xunta de Galicia–Axencia de Turismo de Galicia, organizou unha viaxe de familiarización para hosted buyers internacionais que visitarán A Coruña e Santiago e participarán na Festa do Sector MICE de Galicia.
Como MICE coñécese o campo do turismo de reunións, incentivos, congresos e eventos.

Un total de 10 profesionais, procedentes de Reino Unido, Francia, Portugal e doutros puntos de España, van chegar este domingo 10 á Coruña. O luns pola mañá reuniranse en Palexco con empresarios locais do sector nun taller, para despois realizar un paseo teatralizado pola cidade da man de Sir John Moore e María Pita; e achegarse a distintas localizacións coma EXPOCoruña, o restaurante Árbore da Veira ou o Museo MEGA.

O martes as reunións de traballo desenvolveranse na Cidade da Cultura. Ademais, en Santiago tamén achegaranse ao Hotel Oca Puerta del Camino; Hotel Spa Quinta da Agua; a Nave 5 do Mercado de Abastos; o Parador Hostal dos Reis Católicos; e o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.

Ademais, efectuarán un tramo do Camiño de Santiago, para terminares visitando o Pórtico da Gloria, na Catedral.

Da banda galega, nas reunión de traballo participarán uns 50 profesionais de campos como a organización de eventos, hotelaría, recintos, solucións tecnolóxicas, restauración, azafatas, animación, audiovisuais, cátering, traslados, montaxes…

FESTA MICE GALICIA

O Palacio de Congresos e Exposicións acubillará o martes 12 a Festa do Sector MICE de Galicia, desde as 20.00 horas; unha celebración e presentación na que se reivindicará a importancia deste eido e poderanse coñecer datos da súa incidencia na economía galega.

Este evento é a primeira vez que se celebra e están convidadas todas as empresas e actores galegos que del participan, directa ou indirectamente.

A marca Galicia MICE agrupa os profesionais galegos do turismo de congresos, reunións e incentivos. Actualmente está a realizar un estudo que quere facer unha diagnose da súa situación, aumentares a súa visibilidade e creares un marco acaído para a súa expansión e mellora.

O meirande obxectivo de Galicia MICE é procurar un adecuado encadramento de Galicia coma destino de congresos e eventos de todas as dimensións.

Galicia MICE naceu no 2016. Confórmana OPC Galicia (Organizadores Profesionais de Congresos), a Asociación de Palacios de Congresos de Galicia, HOSPECO (Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña), ASEHOPO (Asociación de Empresarios de Hospedaxe da provincia de Pontevedra) e AGAFE (Asociación Galega de Feiras e Eventos).

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada