Moncha Fuentes, Satélite Lume-1, Festival de Poesía do Condado, Xan Carballal, Soledad Penalta, Rut Balbís, Lucía Freitas e a «Fariña» (serie), Premios da Crítica Galicia 2019

Festival de Poesía do Condado, Premio de Iniciativas Culturais e Científicas

Todos os premiados na cuadraxésima segunda edición dos Premios da Crítica de Galicia.

No Auditorio do centro social Afundación de Vigo deuse a coñecer este medio día o ditame da cuadraxésima segunda edición dos Premios da Crítica de Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

Baixo o lema «Teñamos o valor de darnos o futuro», xuntáronse trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Carlos López Font, vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega e Cesáreo Sánchez iglesias , presidente da AELG, entre outras.

Bieito Ledo, presidente da Asociación Premios da Crítica Galicia, abriu o acto, conducido pola xornalista Noelia Otero, saudando aos asistentes e lembrando a traxectoria dos premios e defendendo Galicia como un lugar de encontro cosmopolita, universal, orixinal e ascendente. Rematou Bieito Ledo o seu discurso apelando ao futuro: «O século XXI está sendo unha época de esplendor na nosa historia. Galicia dedicouse a observar, crear, recoller, xuntar e soñar para que chegase un estourido de grandeza e harmonía en todos os ámbitos da nosa cultura. Os galegos sábense fillos dun paraíso e capaces de definírense cunha soa palabra: NÓS. Amigas e amigos: que o canto da rola aloumiñe todos os soños que o noso pobo leva no seu peito e que aínda están por vir».

O mar que nos leva de Moncha Fuentes, Premio de Creación Literaria

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por Anxo Angueira Viturro, escritor, presidente da Fundación Rosalía de Castro; Daniel Asorey Vidal, escritor e profesor; Montse Dopico González, xornalista e crítica literaria; María del Mar Fernández Vázquez, profesora da USC e crítica; Chus Pato Díaz, poeta, membro da RAG; Xosé Ponte Far, profesor e crítico; María López Sández, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras O mar que nos leva de Moncha Fuentes (Xerais) e Michigan, acaso Michigan de Antón Reixa (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por por maioría o premio O mar que nos leva de Moncha Fuentes (Xerais).

En primeiro lugar o xurado salientou de Michigan, acaso Michigan de Antón Reixa, a obra finalista, «a fidelidade á ruptura e á vangarda dunha xeración e a un estilo persoal e senlleiro que mestura as máis altas referencias literarias con elementos da cultura pop procurando as súas raíces e explorando o papel da lingua na memoria; así como a hibridación dun texto que transita entre o lírico e o narrativo, cunha montaxe cinematográfica que confire á escrita unha axilidade envolvente na que o humor e o azar se mesturan coa vida».

A seguir, o xurado salientou da obra gañadora, O mar que nos leva de Moncha Fuentes, «o seu carácter de obra inaugural coa que irrompe unha voz poderosa, que bebe da experimentación coa focalización para narrar desde a memoria, decantándose en parágrafos envolventes, co ritmo narrativo dunha maré imparable. Comezando cunha ferida do íntimo, a obra progresa cara ao colectivo e social até converterse na novela dunha xeración, expresada cun estilo brillante e unha abraiante madureza narrativa».

Satélite LUME-1, Premio de Investigación

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación, formado por Amparo Alonso Betanzos, catedrática do Departamento de Ciencias da Computación da UDC e presidenta da Sociedad Española para a Intelixencia Artificial; Ricardo García Mira, catedrático do Departamento de Psicoloxía da UDC; Águeda Gómez Suárez, profesora do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da UVigo (campus Ourense); Martín López Nores, profesor do Departamento de Enxeñaría Telemática da UVigo; María Loureiro, catedrática do Departamento de Fundamentos de Análise Económica da USC; José Luís Mascareñas Cid, gañador da edición anterior, director do CIQUS, catedrático da USC e Jorge Mira Pérez, que actuou como secretario en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou declarar como finalistas ao artigo «Botton-up síntesis of multifuctional nanoporous Graphene» de César Moreno, Manuel Vilas-Varela, Bernhard Kretz, Aran Garcia-Lekue, Marius V. Costache, Markos Paradinas, Mirko Panighel, Gustavo Ceballos, Sergio O. Valenzuela Diego, Peña e Aitor Mugarza; ao proxecto Satélite LUME-1  do Equipo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións, da Escola de Enxeñaría Industrial e da Escola de Enxeñaría Informática (campus Ourense) da Universidade de Vigo, liderado por Fernando Aguado Agelet; e á obra Golpistas e verdugos de 1936. Memoria dun pasado incómodo da que son editores  Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Miguez Macho (Galaxia). Tras unha densa deliberación acordou outorgar por maioría o premio a Satélite LUME-1.

O xurado salientou, en primeiro lugar, «as enormes dificultades e alto grao de discusión interna motivado pola dificultade para artellar uns criterios comúns para obras de procedencia tan dispar e brillantes nos eidos científico, tecnolóxico e social». «Así, ao longo da súa deliberación, tivemos unha obra que supuxo un cambio de paradigma, unha concepción orixinal e gran rigor no tema tan delicado como é a memoria histórica; un artigo na prestixiosa revista Science, que foi elixido como un dos dez descubrimentos do ano pola Sociedade Americana de Química, e o lanzamento dun satélite que é consecuencia do nacemento da incipiente industria aeroespacial galega».

O xurado acordou conceder o premio a Satélite LUME-1 «por supoñer unha achega galega de impacto científico internacional no eido tecnolóxico, que combina a loita contra unha praga do noso país coo o lume, un impacto económico coa creación dunha incipiente industria aeroespacial galega e poñer a Galicia, literalmente, no espazo».

Festival de Poesía do Condado, Premio de Iniciativas Culturais e Científicas

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por Iván Area Carracedo, profesor do departamento de Matemática Aplicada da UDV en Ourense; Rocío Castro Tarrío, xornalista, xestora cultural; Fran P. Lorenzo, xornalista e escritor; Ana Romaní Blanco, gañadora da edición anterior, xornalista, poeta, membro da RAG; Iria Veiga Ramos, psiquiatra, divulgadora científica; Nel Vidal Barral, profesor e xestor cultural e Alba Nogueira López, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), Espazos sonoros, Festival de Poesía do Condado e Semente Escola de Ensino Galego. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por por maioría o premio a Festival de Poesía do Condado.

O xurado salientou da iniciadora gañadora que «é un dos festivais de máis longa traxectoria no noso contexto que fai un traballo cultural de base desde o asociacionismo nunha vila e coa acción na contorna». Saliéntase, tamén, «a súa continuidade, mesmo en condicións moi adversas, así como a remuda xeracional na organización e a súa evolución ampliando focos». O xurado sinalou, tamén, que «é meritoria a atención que desenvolveu arredor das culturas poéticas peninsulares e ter feito do poético un espazo de encontro de xeracións e públicos diversos, así como unha liña de traballo comprometida cos debates sociais e unha posición crítica».

Xan Carballal, Premio de Música

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Música, formado por Olga Alexandrovskaia Trofimova, violinista, profesora Conservatorio de Santiago; Eloi Caldeiro, músico, líder do grupo Brath, promotor cultural; Miro Casabella, cantor; Celia Díaz, xornalista da Radio Galega; Mercedes Peón, gañadora da edición anterior, música; Marcos Seoane, violinista, profesor do Conservatorio de Culleredo e Ernesto Sánchez Pombo, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Xan Carballal e á Banda Artística de Merza. Tras a derradeira deliberación acordou outorgar por unanimidade o premio a Xan Carballal.

O xurado salientou «de Xan Carballal unha traxectoria longa e un traballo de base moi singular na música clásica, que levou a que centos de rapaces do rural galego puidesen acceder a unha educación musical e cultural, e moitos dos cales están hoxe en importantes formacións».

Javier Alonso de la Peña, Premio de Artes Plásticas

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Plásticas, formado por Javier Alonso de la Peña, gañador da edición anterior, arquitecto; Fernando Barreira, pintor; Fátima Otero Bouza, crítica; Ruth Noemí Lodeiro Pérez, escultora; Celso Martínez «Celsius Pictor», deseñador; Rosario Sarmiento Escalona, comisaria e crítica e Xabier Limia de Gardón, que actuou como secretario, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Soledad Penalta, Xosé Freixanes e Elena Colmeiro. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar maioría o premio a Soledad Penalta Lorenzo.

O xurado salientou de Soledad Penalta «a súa longa traxectoria e coherencia e, ao mesmo tempo, a capacidade de investigación con novos materiais, cos que acada unha linguaxe propia, introducindo dun xeito novidosas caligrafías nunha constante  renovación iconográfica e conceptual».

 

Rut Balbís, Premio de Artes Escénicas

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Escénicas, formado por María Armesto, directora da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, gañadora da edición anterior; Afonso Becerra de Becerreá, dramaturgo, profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia; Bettina Kohlaas, xornalista, xestora cultural, directora do Teatro Colón da Coruña; Paula Quintas, bailarina e coreógrafa, integrante do Equipo de Corpo(a)Terra, Festival de Danza de crúa de Ourense; Neves Rodríguez, actriz e comunicadora TVG; Vanesa Sotelo, xornalista, directora de escena, directora da revista Erréguete e Paula Cabaleiro, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Matarile Teatro (Ana Vallés e Baltasar Patiño), Rut Balbís e Pistacatro por Arnoia. Arnoia. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a  Rut Balbís.

O xurado salientou de Rut Balbís «o seu impecable e incansable traballo como bailarina e coreógrafa, pero tamén polo seu constante labor para dignificar e visibilizar a danza en Galicia, en por crear tecido, redes e espazos para achegara a danza a todos os públicos, como é o proxecto RPM que impulsou xunto a outras persoas. Destacamos tres palabras de Rut Balbís; TALENTO, RESISTENCIA e XENEROSIDADE».

A Fariña (serie), Premio de Cine e Artes Audiovisuais

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por Alba Aguiar, directora de Arte, vestuarista; Miguel Canalejo, actor e guionista; Ángel de la Cruz, director, guionista, produtor e profesor; Álvaro Gago, director de Matria, gañador da edición anterior; Chelo Loureiro, produtora, fundadora de Abano de Producións;  Olga Osorio, directora e profesora da EIS da Coruña e Mariana Fernández Carballal, secretaría, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Lucía Catoira Pan, Fariña (serie) e Bambú producciones. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Fariña (serie).

O xurado salientou que «ademais da evidente calidade das produción e realización e dos traballos dos seus equipos técnico e artístico, polo considerable esforzo da produtora en apostar por unha historia e uns equipos galegos que lograron situar a Galicia no mapa audiovisual internacional nun momento crucial da produción de ficción para TV, abrindo un sólido camiño para as persoas profesionais, produtoras e historias propias».

Lucía Freitas, Premio de Cultura gastronómica

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Gastronómica, formado por Carmen Albo, responsable do blog «Guisándome la vida»; Luis Cividanes González, responsable de comunicación de Trevisani; Federación de Razas Autóctonas Galegas BOAGA, gañadora da edición anterior; Héctor López, cociñeiro do restaurante España, membro do Grupo Nove; Alejandro Paadín, sumiller; Beatriz Sotelo, cociñeira do restaurante A estación de Cambre e Inma López Silva, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Lucía Freitas do restaurante A Tafona, Tardes do Atlántico de Martin Códax, Centro Integrado de FP de Lamas Abade. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Lucía Freitas.

O xurado salientou de Lucía Freitas «o seu papel como empresaria da restauración e a súa capacidade para interpretar a cultura gastronómica galega cunha extraordinaria ética e coherencia.»  «O xurado destaca a súa evolución como cociñeira nunha aposta pola internacionalización que culmina cunha estrela Michelin. Lucía Freitas salienta ademais como exemplo de empoderamento das mulleres na cociña, demostrando que é posible ser muller, empresaria e creadora de excelencia no noso sector gastronómico».

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada