Galicia desplega os seus atractivos turísticos na World Travel Market

O mercado británico consolídase como un dos mercados internacionais galegos que máis medra cun crecemento dun 14%

A directora de Turismo participou hoxe na 37 edición do que é un dos certames do sector máis importantes do mundo e que reúne a máis de 51.000 profesionais.

A directora de Turismo participou hoxe na 37 edición do que é un dos certames do sector máis importantes do mundo e que reúne a máis de 51.000 profesionais.

Galicia participou hoxe en Londres na 37 edición da World Travel Market (WTM), o evento turístico máis importante do mercado británico e un dos certames do sector máis relevantes do mundo, no que está a promover os recursos que a converten nun destino atractivo durante todo o ano.

Durante a feira, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo encontros cos profesionais do ámbito internacional, no marco dun evento no que o enoturismo, termalismo, así como os recursos naturais, patrimoniais e culturais, xunto aos diferentes itinerarios xacobeos, estanse a promover como atractivos que permiten gozar da Comunidade galega durante todo o ano.

Na WTM, tamén está presente unha misión comercial na que participan numerosos representantes do sector turístico galego, incluído o Cluster de Turismo de Galicia, para aproveitar sinerxías con touroperadores para un mercado, o británico, que se consolida como un dos mercados internacionais que máis medra en Galicia, cun crecemento dun 14%. Con preto de 62.000 viaxeiros aloxados e máis de 116.000 pernoitas, os turistas británicos representan case o 7% do total internacional e é o sexto mercado en orde de importancia.

MÁIS DE 40

A participación de Turismo de Galicia en Londres enmárcase na súa estratexia por promocionar o destino en diferentes mercados a través da súa presenza activa en feiras, como así se reflicte na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego para os vindeiros anos coa que se está a acompañar o crecemento ordenado e planificado do turismo. No que vai de ano xa vén de participar en preto de 40 feiras en países como Holanda, Austria, Finlandia, Irlanda, Alemaña, Dinamarca, Rusia, Italia ou Francia, entre outros.

A World Travel Market é un dos eventos turísticos máis importantes do mundo, xunto coa ITB de Berín e a Feria Internacional de Turismo (Fitur) de Madrid. Este ano conta con preto de 5.000 expositores chegados de todo o mundo onde se están a presentar estes días as últimas tendencias do sector e onde participan máis de 51.000 profesionais.

Coa intención de promover o Camiño de Santiago neste mercado británico, tamén Londres acolle estes días unha mostra itinerante organizada por Turismo de Galicia na que se poñen en valor os valores da hospitalidade e acollida nos itinerarios xacobeos. Pode visitarse no Royal Holloway da Universidade de Londres.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1