Nova guía do Camiño de Inverno

Etapa: Quiroga – Monforte de Lemos (33,5 kms)

Etapa: Quiroga – Monforte de Lemos (33,5 kms)

O Camiño de Inverno conta desde hoxe cunha nova guía divulgativa editada por Turismo de Galicia. A súa directora, Nava Castro, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentouna esta tarde en Monforte de Lemos. Trátase dunha publicación, con información práctica para os peregrinos, que forma parte do compromiso da Xunta de Galicia con este itinerario, que foi recoñecido oficialmente o pasado ano coa aprobación da Lei de Patrimonio Cultural.

A nova guía, editada en sete idiomas (galego, castelán, inglés, francés, alemán, portugués e italiano) segue o formato das publicadas para o resto dos Camiños. Dispón de contidos sobre o mundo da peregrinación xacobea, a súa historia, ritos ou costumes, que permiten ao camiñante contextualizar a súa experiencia. Amais, ofrece aqueles datos prácticos que máis soen demandar os peregrinos: planos, perfís e distancias quilométricas, detalles das etapas e información básica dos concellos que atravesan, os seus recursos e servizos, lugares para visitar, albergues, teléfonos ou webs de consulta, ademais de consellos durante a marcha. E mesmo sirve como credencial para selar e obter a Compostela acreditativa da peregrinación.

“O Camiño de Inverno será cada vez máis coñecido”, aventurou Nava Castro durante o acto de presentación, que tivo lugar no Centro do Viño da Ribeira Sacra e no que se congregaron alcaldes, concelleiros, representantes das asociacións de amigos do Camiño de Santiago, empresarios e veciños. A directora de Turismo de Galicia animoulles a traballar unidos polo desenvolvemento desta ruta, a única que percorre as catro provincias da Comunidade.

POLAS CATRO PROVINCIAS

En concreto, o Camiño de Inverno discorre por Rubiá, Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa, na provincia de Ourense; Quiroga, A Pobra de Brollón, Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao e Chantada, en Lugo; Rodeiro, Lalín, Silleda e A Estrada, en Pontevedra, e Vedra, Boqueixón e Santiago de Compostela.

“Esta publicación será tamén un soporte fundamental na promoción de todos eles nas feiras, exposicións, conferencias ou congresos que celebremos en Galicia, no resto de España e tamén no exterior”, declarou Nava Castro a propósito deste novidoso e completo material.

Esta guía súmase á información xa dispoñible ata agora a través da app e da páxina web do proxecto Smart Camiño, pero Nava Castro alentou aos asistentes a non deixar de compartir os seus coñecementos cos visitantes, “como bos anfitrións”, e subliñou que o Camiño de Santiago, “ademais de supoñer unha enorme riqueza cultural, xera beneficios económicos e sociais, abre novas oportunidades de negocio e nichos de mercado, dinamiza as economías locais, diversifícaas e, desa maneira, axuda á fixación de poboación nas contornas rurais”.

Nava Castro lembrou que Turismo de Galicia promoveu xa un reforzo da sinalización coa que contaba o Camiño de Inverno, de carácter provisional, para dar así máis seguridade aos peregrinos. Neste sentido, avanzou que, no marco do Plan director do Camiño de Santiago, traballarase na sinalización definitiva co obxectivo de que estea lista no Xacobeo 2021.

AUMENTO DE PEREGRINOS

Finalmente, tamén refiriouse ás cifras de peregrinos no Camiño de Inverno, “humildes polo de agora”, afirmou, pero nas que tamén se reflicte xa a influencia do seu recoñecemento oficial, pois no último ano medrou un 172% ao pasar de 272 a preto de 500 peregrinos.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada