Valeriano Martínez presenta a Portugal como prioridade na área de cooperación e rexeita a recuperación de fronteiras como fórmula de progreso

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.ARCHIVO.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, sinalou hoxe que España en xeral e, Galicia, en particular, ven a Portugal “como unha prioridade na área de cooperación institucional”. Dixo tamén que “ninguén quere pensar en recuperar aduanas como fórmula de progreso”, polo que argumentou que o país veciño é un socio potencial “que pode axudarnos a resolver mellor os nosos problemas”.

Valeriano Martínez, que clausurou esta tarde en Baiona (Pontevedra) a xornada ‘Diálogos España-Portugal, organizada polo Foro Económico de Galicia, cualificou de “esencial” o diálogo entre a Comunidade Autónoma e o país veciño, de xeito especial coa súa zona norte, “coa que compartimos Eurorrexión” e “sobre a que temos constituída unha Comunidade de Traballo desde 1991”, recalcou.

Neste marco de traballo conxunto, falou da potenciación tanto das infraestruturas como da innovación e do crecemento, xunto cunha atención decidida á dinamización demográfica e ao envellecemento activo. Estes retos, dixo, están “perfectamente encaixados” no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020.

Case o 40% das exportacións galegas teñen como destino Portugal

Esta estratexia conxunta ten que levarse á práctica cunha cooperación que respecte “unha competencia leal entre ambos territorios”, buscando a complementariedade e que o crecemento dun non só non afecte ao outro, senón que mesmo implique o crecemento para o outro. O entendemento e interrelación existentes quedan patentes con datos como, por exemplo, que case o 40% das exportacións de Galicia teñen como destino Portugal.

Referiuse o titular de Facenda aos logros obtidos pola Eurorrexión grazas á colaboración e aos fondos comunitarios e falou da decisión de formular un Plan de Investimentos Conxuntos cara ao inicio do actual período de programación orzamentaria, con catro eixes estratéxicos sobre a necesidade de construír unha Eurrorexión innovadora, competitiva, referente en calidade ambiental e do patrimonio e exemplar en capacitación institucional.

Falou igualmente da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, da “novidosa” fórmula das Eurocidades, ou de convocatorias como o Programa operativo de cooperación transfronteiriza España-Portugal.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1