Estíbaliz Espinosa, gañadora da XV edición do Premio de Poesía Afundación

Esti por Sandra G Rey en Dexo

Esti por Sandra G Rey en Dexo.

Estíbaliz Espinosa gaña a XV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia co patrocinio da Xunta de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 29 obras.

A resolución do xurado, composto polas escritoras Berta Dávila e María Neves Soutelo; Mario Regueira, escritor; Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado; e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado, tivo lugar ás 18.30 h na Sede Afundación Santiago de Compostela (rúa do Vilar, 19). No acto estiveron presentes, ademais dos membros do xurado, o director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar, e Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

As neuronas irmás, presentada pola súa autora baixo o lema Curiosa, destaca, en palabras do xurado «pola coherencia dun discurso poético sólido, o potencia evocador das imaxes, así como a orixinalidade das referencias que apelan á dimensión científica do ser humano biolóxico e emocional ».

Pola súa banda, Pedro Otero, director-xerente de Afundación subliñou que «a nosa entidade considera imprescindible e estratéxico para a cultura e a lingua galegas fomentar o coñecemento do xénero poético a través deste premio literario. Con esta misión e obxectivo iniciou a súa andaina no ano 2002. Desde entón ten no seu haber máis dunha ducia de libros de poemas de autores noveis e consagrados que se agrupan na colección «Arte de Trobar» que edita o Centro PEN de Galicia. É, por tanto, un orgullo para nós anunciar un novo nome gañador para incluír na xa ampla nómina de poetas galardoados».

Mentres, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ao tempo que felicitou a Estíbaliz  Espinosa pola obra merecedora do XV Premio de Poesía Afundación, incidiu na necesidade de darlle a máxima visibilidade á creatividade dos novos autores e autoras galegos, nomeadamente en ámbitos que contan con menos facilidades para chegar ao público, coma o poético. Neste sentido, Anxo Lorenzo amosouse convencido da «importancia de favorecer a convocatoria de certames literarios que contribúan a recoñecer e a divulgar as voces dos nosos escritores e escritoras, que están a desenvolver unha produción literaria de gran calidade».

A PREMIADA

Estíbaliz Espinosa Río (A Coruña, 1974) é poetisa e escribe tamén relato curto, tradución e ensaio desde o enfoque, como define a propia autora «nunha cultura única: a simbiose entre a Ciencia e as Humanidades, así como o eixe entre muller, tecnoloxía, palabra e ciencia». Licenciada en Socioloxía e en Filoloxía Hispánica, imparte charlas, cursos e obradoiros, actividades que compaxina coa música, como mezzosoprano e como compositora para a Orquestra Sinfónica de Galicia. Autora de seis libros de poemas, entre eles Pan (Premio Esquío 1999), -orama (Colección Tambo, 2002) ou Número e (Premio Espiral Maior de Poesía, 2001), algún dos seus poemas foron traducidos ao inglés, galés, español, catalán, xaponés, hebreo, alemán, macedonio ou parsi. Publica artigos e relatos en diversos medios de comunicación e na rede xestiona os blogues «mmmm…» e «Abra cápsula, por favor». Na súa obra mostra influencias moi variadas, desde a ciencia ata as artes plásticas, a música, as matemáticas ou a astronomía.

O PREMIO

O galardón, que implica a publicación do libro na colección «Arte de trobar» e unha dotación económica de 6000 euros. comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias do PEN Club

IMG_8767

O xurado estivo composto polas escritoras Berta Dávila e María Neves Soutelo; Mario Regueira, escritor; Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado; e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada