O Camiño de Santiago recibe en Bruxelas un recoñecemento pola súa importante contribución á imaxe de Europa no mundo

CARBALLEIRA DE SAN LORENZO.O Camiño de Santiago segue a ampliar a súa lista de recoñecementos a nivel internacional, á que desde hoxe se engade o Premio Aquí Europa-Vocento. A ruta xacobea recibiu esta tarde en Bruxelas esta nova distinción, na categoría de iniciativas culturais, pola súa importante contribución á imaxe de Europa no mundo.

O acto de entrega, celebrado na Casa da Historia Europea, foi presidido por Antonio Tajani, presidente do Parlamento Europeo, nunha xornada simbólica para o Camiño de Santiago, pois coincide co peche do programa conmemorativo do 30 aniversario da súa declaración como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. Ao longo do último mes, programáronse diversas iniciativas para lembrar esta efeméride e reflexionar sobre os seus valores integradores.

Rafael Sánchez, xerente da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, recolleu o galardón xunto a Almudena Hospido, vicerreitora de Internacionalización da Universidade de Santiago de Compostela, e Tomás Gómez-Acebo, vicerreitor de Alumnos da Universidade de Navarra.

Os Premios Aquí-Europa Vocento buscan promover e recoñecer accións meritorias aliñadas co ideario e espírito da Unión Europea que fomenten a unidade e integración do proxecto continental. O Camiño de Santiago obtén esta distinción como iniciativa cultural. Ademais, entregáronse outras nos eidos de institución/personalidade, empresa, comunicador e país.

A piques dos 300.000 peregrinos

Este novo recoñecemento chega nun momento no que a peregrinación xacobea acada a súa maior dimensión pois, no que vai de ano, realizárona persoas de 179 países diferentes, o que constitúe una gran riqueza cultural e unha oportunidade de desenvolvemento. Ademais, por primeira vez, o Camiño de Santiago podería acadar os 300.000 peregrinos nun mesmo ano. A día de hoxe, xa se superaron os 297.000, o que supón un 8,5% máis que no 2016.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1