Un novo procedemento reducirá á metade os tempos de tramitación dos primeiros 400 MW de enerxía eólica adxudicados nas poxas do estado

eolica-solarO presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, certificou hoxe o compromiso coas renovables despois de que o Consello da Xunta aprobase hoxe a declaración de interese especial para 18 proxectos de parques eólicos e 14 infraestruturas de evacuación, correspondentes aos primeiros 400 MW de enerxía eólica adxudicados nas poxas do Estado.

Esta declaración de interese especial é unha figura introducida pola Lei de implantación empresarial que permite reducir á metade os prazos de tramitación dos parques eólicos, así como blindar as garantías xurídicas e ambientais.

Os novos proxectos supoñen un investimento privado duns 450 millóns de euros e a creación de 6.000 empregos durante a construción dos parques e duns 80 para a súa explotación.

Ademais de reforzar o liderado enerxético de Galicia e de crear emprego, o presidente da Xunta aseverou que estes parques tamén suporán unha nova fonte de ingresos para os concellos, que recadarán uns 665.000 euros anuais máis en concepto de canon, alcanzando así os 13,3 millóns de euros na fase de explotación.

Ao longo da súa intervención, Feijóo aseverou que o impulso que supón a Lei de implantación empresarial para o sector eólico non se limita a axilizar os prazos, senón que tamén supón unha maior transparencia grazas á creación dun Rexistro eólico galego no que se inclúen todas as novas solicitudes de parques, as que están en tramitación e os parques xa en funcionamento.

Asemade, a Lei de implantación empresarial redunda nunha maior seguridade para os promotores dos parques, que agora teñen a certeza total de que a autorización de construción estará lista en tres anos e o inicio da explotación, nun máximo doutros tres.

Cómpre subliñar, ademais, que estes 400 megavatios novos complementaranse despois con outros 200 megavatios máis, segundo as estimacións. Á súa vez, estes 600 megavatios novos uniranse, tal e como detallou o titular da Xunta, aos máis de 3.300 que xa hai instalados na nosa comunidade.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada