Galicia defende unha PAC forte, simplificada e que fomente as rendas agrarias dignas e a remuda xeracional no rural

A conselleira Ángeles Vázquez  hoxe en Madrid, no seo do Consello Consultivo de Política Agrícola.

A conselleira Ángeles Vázquez hoxe en Madrid, no seo do Consello Consultivo de Política Agrícola.

Galicia avoga por unha PAC forte, simplificada e que permita manter o número de agricultores e gandeiros cuns niveis de renda dignos. Defende tamén que se garanta a remuda xeracional no agro, xa que resulta clave para que exista un rural vivo e dinámico.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, fixo valer hoxe en Madrid a postura de Galicia con respecto á futura PAC, no seo do Consello Consultivo de Política Agrícola que tivo lugar na sede do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama). Esta xuntanza serviu para avanzar na fixación da posición de España nas negociacións da PAC, incorporando as achegas das distintas comunidades autónomas a este debate, incluída a de Galicia, que lle correspondeu defender á conselleira do Medio Rural nun momento clave do proceso.

Ángeles Vázquez apostou neste foro porque se manteñan os actuais niveis de financiamento destas políticas e que se contemplen, ao tempo, as peculiaridades de Galicia, tales como a dispersión dos seus habitantes, o tamaño das explotacións e o peso de zonas de montaña e con limitacións naturais. Neste mesmo sentido, reafirmou o compromiso do Goberno galego na loita contra o despoboamento e en afrontar os problemas derivados do seu envellecemento.

A conselleira insistiu na tese galega de manter os dous piares da PAC (axudas directas e medidas de desenvolvemento rural) e amosou a vontade da Xunta de apoiar unha postura común de toda España como estado membro á hora de negociar todos estes aspectos.

Medio ambiente

En relación co medio ambiente, Ángeles Vázquez dixo que o seu coidado xa é unha prioridade para os nosos agricultores e gandeiros, pero cómpre manter desde as instancias comunitarias un compromiso a prol da profesionalidade dos produtores e das súas prácticas, para reforzar esta orientación.

Ángeles Vázquez sinalou tamén que a PAC debe seguir apostando pola produción de alimentos sans e seguros e, especialmente no caso galego, polo fomento da calidade como factor diferencial das producións agroalimentarias. Todo iso co respecto ao benestar animal e sen deixar de fomentar unha alimentación saudable, con programas para incentivar o consumo de produtos lácteos, froitas ou verdura.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada

Etiquetas: