Raclette de Santiago Cortegoso, en Vigo

racletteNova representación dentro da Tempada de Teatro de Afundación, a Obra Social de ABANCA. Mañá xoves 5 de abril, a partir das 20.30 h, a compañía Ibuprofeno Teatro presentará no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) a súa nova produción, Raclette, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso.

As entradas están dispoñibles na web Ataquilla.com para todas aquelas persoas que non adquirisen o abono de tempada, que supón un aforro do 20 % con respecto ao importe das entradas soltas.

RACLETTE, DE SANTIAGO CORTEGOSO

A raclette é unha forma de comer en comunidade inventada polos pastores suízos que, para escorrentaren o frío e a soidade da montaña, se reunían ao redor dunha pedra quente no lume para ir cociñando sobre ela queixo, carne e verduras. Esta raclette urbana e contemporánea une, durante unha cea, dúas tramas que aparentemente non teñen relación, pero que se entrelazan para acabar contando unha historia terrible que trata temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza, a culpa e a violencia.

Os cinco personaxes, interpretados por Toni Salgado, Deborah Vukusic, Marián Bañobre, Iria Sobrado e Salvador del Río, conforman un complexo mosaico humano: un choque entre visións do mundo que se volven incompatibles, pero han de convivir a pesar das diferenzas. Son cinco persoas que están a pasar por momentos cruciais nas súas vidas, momentos de cambios, de inestabilidade, marcados por acontecementos que deixarán pegada para o resto da súa existencia. Son cinco universos que reflicten as contradicións dunha sociedade enferma que devora os seus integrantes.

O realismo é a base da posta en escena e do traballo interpretativo desta produción. Os actores e actrices cociñan e comen comida real, diante do público, que apreciará o transcurso da cea non só coa vista e o oído, senón tamén co olfacto. Os espectadores estarán no patio de butacas, pero tamén nunhas pequenas bancadas situadas no escenario, rodeando completamente a mesa na que están os actores, o que reforza a sensación de que están a descubrir a súa intimidade.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada