Galicia continúa co apoio ao traballo científico de excelencia cunha nova achega de 700.000 euros

CIMUSO presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o apoio da Administración autonómica ao traballo científico de excelencia cunha nova achega de 700.000 euros ata o ano 2021, destinada a apoiar a actividade de tres investigadores premiados no programa Starting Grants do Consello Europeo de Investigación.

Nesta liña, Feijóo indicou que na actualidade Galicia conta con oito científicos que foron premiados polos prestixiosos programas do Consello Europeo de Investigación (Starting Grants, Consolidator Grants e Advanced Grants): cinco deles desenvolven o seu labor na Universidade de Santiago de Compostela, dous na de Vigo e o oitavo incorpórase agora á da Coruña.

Dos oito premiados, tres deles serán beneficiarios tamén das axudas da Xunta, ao igual que o foron previamente os outros cinco investigadores. Deste xeito, María del Carmen Giménez López, da USC, que desenvolve un proxecto de nanoestruturas para computación de alto rendemento, completará o financiamento europeo de 1,6 millóns de euros con 200.000 euros da Xunta; José Manuel Castro Tubío (USC), que investiga na transmisión de cancros en bivalvos, recibe 1,5 millóns do Consello Europeo de Investigación que se completarán con 250.000 máis da Administración autonómica; e a Carlos Gómez Rodríguez, da UDC, que traballa en mellorar a velocidade dos programas informáticos de análise sintáctica da linguaxe, sumará 250.000 euros da Xunta á axuda de 1,5 millóns de euros da súa Starting Grant.

Con este financiamento, estes tres científicos poderán crear ou consolidar o seu propio equipo ou programa de investigación en Galicia, destinando o investimento: á contratación de persoal investigador ou auxiliar; equipamento e material funxible e os seus custes de mantemento; material bibliográfico; adhesión a sociedades científicas; formación do persoal que traballa no seu proxecto; desprazamentos vinculados á actividade investigadora; investigadores visitantes; ferramentas informáticas de xestión do coñecemento e a información; ou actividades de difusión.

Como lembrou o titular da Xunta, desde o ano 2009 o Goberno galego leva mobilizados 450 millóns de euros para desenvolver as estruturas investigadoras das universidades galegas. A día de hoxe, a Xunta financia a nómina de 500 investigadores predoutorais e posdoutorais.

O obxectivo do Goberno galego, segundo recalcou, é intentar reter en Galicia aos mellores científicos “nun momento no que xa estamos na elite da investigación”, competindo con países que contan con estruturas de patrocinio privado.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada