Tania Vázquez, investigadora: “En ningún texto lírico galego-portugués se fai alusión as actividades artísticas [das soldadeiras] coas que tradicionalmente se relacionaron, senón simplemente aos seus vicios”

Unha investigadora galega defende o papel artístico das mulleres que acompañaban aos trobadores con cantos, música e danzas, fronte á visión misóxina que a literatura foi perpetuando.

Unha investigadora galega defende o papel artístico das mulleres que acompañaban aos trobadores con cantos, música e danzas, fronte á visión misóxina que a literatura foi perpetuando.

A investigadora de Literatura Medieval da Universidade de Santiago Tania Vázquez García afondou na figura das soldadeiras no I Congreso Internacional ‘O Camiño do Medievalista’. Eran as mulleres que acompañaban aos trobadores con cantos, música e danzas. “Trátase dun dos axentes culturais máis controvertidos relacionados coa representación dos textos líricos galego-portugueses diante dun público, xa que nas cantigas de escarnio aparecen ridiculizadas polos seus vicios e costumes relaxados. Esta visión consolidouse nos estudos críticos clásicos e perpetuouse ata a actualidade”, indicou a investigadora.

Váquez García explicou que o nome soldadeira procede do termo soldada, que denominaba o pagamento que percibían estas mulleres polo seu labor, podendo ser unha retribución económica ou máis posiblemente elementos materiais como alimentos, panos e roupa. “Unha soldadeira sería entón unha muller que traballaba a cambio dunha soldada. Non obstante, semella que a moral misóxina do momento confundiu as figuras que vendían a súa arte con aquelas que vendían o seu corpo, quizais pola condición de vida irregular que levaban en ambos os dous casos, de aí que se ridiculicen nas cantigas de escarnio e se destaquen as súas calidades negativas” -salientou-.

A investigadora analizou o emprego dos vocábulos soldada e soldadeira en obras literarias medievais en lingua vernácula de diferentes áreas lingüísticas (occitana, francesa, italiana, catalá e galego-portuguesa), representativas de cada un dos grandes xéneros, co fin de coñecer quen foron estas mulleres, que protagonizaron ata dezaseis cantigas de escarnio galego-portuguesas. E, en doce das dezaseis miniaturas do Cancioneiro de Ajuda, algunhas figuras femininas foron identificadas como soldadeiras. Segundo estudos previos, o número de cantigas do corpus lírico profano galego-portugués nas que se fai mención ás soldadeiras ascende a 43.

En todas estas cantigas existe unha descrición compartida por todas as soldadeiras que se caracteriza pola súa luxuria, a insaciabilidade e a promiscuidade, de modo que fai extensible o vocábulo soldadeira a aquelas figuras vilipendiadas por estes vicios. “Na nosa proposta coidamos máis rigoroso restrinxir o corpus exclusivamente a aquelas composicións nas que as protagonistas son denominadas explicitamente soldadeiras polos seus autores, un total de dezaseis” -apuntou-.

Tania Vázquez considera fundamental precisar cales eran as tarefas desempeñadas por estas mulleres, pois. Nesta liña, manifestou que “de maneira paralela á participación nos espectáculos propios da actividade lírica, non podemos negar que puido existir un vínculo destas mulleres con oficios licenciosos, tal e como parecen facernos pensar as cantigas protagonizadas por estas figuras, nas que atopamos un prototipo xeral e estereotipado das mesmas”.

A investigadora da USC deixou patente que “aínda que algunhas contaran con poucos recursos e se visen obrigadas a exercer a prostitución, cremos que non debemos facer extensible esta referencia a todas as soldadeiras. Ben é ben sabido que as cantigas satíricas se serven da hipérbole como recurso estilístico recorrente e foron compostas nun contexto sociocultural e literario no que eran bastante habituais as descricións misóxinas e arquetípicas das mulleres cos tópicos referidos”.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada