Ourense acollerá a finais de abril unha reunión dos principais investigadores en viticultura e enoloxía de España

uvasA Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, centro dependente da Consellería do Medio Rural, organizará a 33ª edición do GTEVE (Grupo de Traballo de Experimentación en Viticultura e Enoloxía), que terá lugar en Ourense os vindeiros días 25 e 26 deste mes de abril. Será a quinta vez que Galicia acolla a reunión pero a primeira que se fai integramente en Ourense. Na organización colaboran o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal); a Deputación Provincial de Ourense; o Concello de Ourense; a Fundación Juana de Vega e a Axencia Galega de Innovación (Gain).

O GTEVE creouse en xaneiro de 1987 por iniciativa da Subdirección Xeral do Instituto Nacional de Denominacións de Orixe (Indo) co apoio e colaboración dos órganos autonómicos competentes. O seu obxectivo fundacional era dar unha resposta técnica axeitada á necesidade de establecer unha plataforma de encontro e comunicación entre as institucións autonómicas e as persoas dedicadas a potenciar o coñecemento e a calidade dos viños en España.

A finalidade segue a ser hoxe en día establecer un foro estable para o intercambio de experiencias, debate de puntos de vista, solución de problemas e exposición traballos e resultados, todo isto co fin de potenciar as sinerxias entre os equipos que traballan nos eidos da viticultura e a enoloxía ao longo da xeografía española e obter uns resultados máis eficientes.

Nestas reunións participan aqueles centros dedicados á mellora do cultivo da vide, da elaboración e a calidade do viño e polo tanto inclúense as estacións de viticultura e enoloxía, os centros enolóxicos, as adegas experimentais e outras institucións semellantes como o INIA, o CSIC ou as universidades. As reunións teñen un carácter anual e itinerante.

Programa da xuntanza
Este ano 2018 será a cidade de Ourense a que acollerá a 33ª edición, na que xa está confirmada a participación de 50 investigadores correspondentes a 17 centros de toda España. Na reunión expoñeranse e debateranse un total de 27 comunicacións que abranguen as diferentes temáticas de traballo na viticultura e a enoloxía.

Entre as materias que se estudarán atópanse a selección clonal e a avaliación do potencial de variedades minoritarias, a caracterización enolóxica dalgunhas desas variedades, os sistemas de predición e a eficiencia de determinados tratamentos fitosanitarios, a problemática das enfermidades da madeira ou a microbioloxía do viño.

A reunión científica celebrarase no salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel, dependente da Deputación Provincial de Ourense, e complementarase con outro tipo de actividades como a visita á adega Cooperativa Viña Costeira co gallo do seu 50 aniversario ou a presentación do monográfico número 3 da Evega dedicado ao estudo da variedade albariño.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada