A Cidade da Cultura apoia a 40 artistas emerxentes coa convocatoria da VIII edición do seu encontro de artistas novos

Cartaz da convocatoria.

Cartaz da convocatoria.

Corenta creadoras e creadores emerxentes darán a coñecer no Gaiás os seus proxectos artísticos da man do Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura’, que vén de abrir unha nova convocatoria. Impulsado pola Xunta, a través da Fundación Cidade da Cultura, e coa colaboración da Fundación Banco Sabadell, o EAN chega á súa oitava edición como un formato consolidado no que xa presentaron os seus traballos medio milleiro de creadores.

O Encontro de Artistas Novos volve ao Gaiás da man de Rafael Doctor co obxectivo de promover a creación contemporánea e o intercambio de coñecemento. Os participantes do #EAN8 serán convidados a unha estancia de catro días no complexo do Gaiás –entre o 26 e o 30 de agosto de 2018– onde terán a oportunidade de expoñer o seu proxecto creativo. Ademais, todos eles poderán debater e aprender da man de artistas consolidados, visitar outros centros de arte contemporánea de Galicia, e optar a realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo. Con esta iniciativa, o Gaiás busca apostar polo talento emerxente, cedéndolle un espazo expositivo creativo e non convencional.

O encontro está dirixido a artistas nados entre 1983 e 2000 (ambos inclusive), e poderán presentar a súa candidatura ata o 6 de xullo estudantes e licenciados en Belas Artes ou afíns, así como todas aquelas persoas que demostren ter unha traxectoria ou proxecto artístico. Ademais, co obxectivo de formular un diálogo entre artistas de varias xeracións, dez das 40 prazas dispoñibles estarán abertas a artistas maiores de 35 anos.

FORO ABERTO COS CONSOLIDADOS

O programa incluirá o xa clásico Foro Aberto, no que os corenta participantes realizarán unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións. Ademais terán a oportunidade de entrar en contacto con outras traxectorias e procesos de produción artística a través dunha serie de conferencias impartidas por artistas cunha importante traxectoria. Así, nesta edición participarán o artista Julio Falagán, cuxo traballo trata con humor e ironía temas como o desafío ao poder e ao establecido; a pintora e artista conceptual peruana Sandra Gamarra, fundadora do Museo de Arte Contemporáneo de Lima –Limac–; ou a fotógrafa galega, a cabalo entre a arte e o documental, María Moldes. Súmanse así á longa lista de artistas se sumaron ao EAN como relatores, e que inclúe nomes tan relevantes como Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro ou Fernando Sánchez Castillo.

Os participantes convivirán tamén con tres observadores ou art followers que, desde o eido curatorial ou do xornalismo cultural, apoian os novos creadores e procuran estar ao corrente das novidades do mundo da arte emerxente. Serán Javier Díaz-Guardiola, David Barro e Semíramis González, que como novidade desta edición tamén compartirán as súas experiencias e coñecementos nunha mesa redonda na terceira xornada do encontro.

Co obxectivo de que este intercambio artístico se produza en todas as súas vertentes, o ‘Encontro de Artistas Novos’ inclúe tamén visitas a centros de arte contemporánea de Galicia, como o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a Fundación Granell e o DIDAC en Santiago de Compostela, e o Museo de Arte Contemporánea (MAC) na Coruña. O programa do EAN8 finalizará coa inauguración do proxecto gañador do proxecto de intervención nas Torres Hejduk na anterior edición: AAMA, Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica, de Francisco Ramallo.

ENCONTRO INTERNACIONAL

O Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura’ naceu en setembro de 2011 baixo a dirección de Rafael Doctor no marco da primeira programación cultural do Gaiás. Ao longo de oito edicións, o EAN consolidouse como un dos principais foros de intercambio de coñecementos e de apoio a artistas emerxentes. Recoñecidas figuras como Jorge Perianes, Lois Patiño ou Nuria Güell participaron en anteriores edicións do EAN, cando comezaban a abrirse paso no mundo da arte.

Conta tamén cunha sólida vertente internacional, tanto pola participación no encontro de creadores non só de Galicia, senón do resto de España e doutros países, senón tamén por ser un formato que xa se ten exportado a outros países como Uruguai en 2015 e Arxentina en 2016, ano no que tamén tivo lugar no Centro Villalar de Castela e León.

SOLICITUDES

Todas as persoas interesadas en participar no EAN8 deberán presentar unha solicitude antes das 15.00 horas do 6 de xullo xunto á documentación requirida: boletín de subscrición, fotocopia do DNI ou pasaporte, CV abreviado (máximo unha páxina) e dossier de presentación do traballo artístico en formato papel (máximo 15 páxinas) ao enderezo electrónico encontro@cidadedacultura.org. As bases completas do EAN8 poden consultarse en www.cidadedacultura.gal, así como o boletín de subscrición.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada