A cidadanía galega valora cun notable alto os servizos sanitarios de atención primaria

CENTRO DE SAUDE DE BU„O.A valoración media dos servizos sanitarios que realiza a poboación da nosa comunidade autónoma é bastante positiva. Así se desprende dos datos do Barómetro Sanitario que vén de publicar o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, cos resultados referidos ao 2017. En concreto, o conxunto das galegas e galegos enquisados valoran a atención primaria de Galicia con 7,54 puntos sobre 10 (7,33 no Sistema Nacional de Saúde), sendo especialmente apreciados a confianza e seguridade que transmite o persoal médico (7,90) e o de enfermería (7,89).

En canto á satisfacción xeral co sistema sanitario público, a media de Galicia é de 6,49 puntos sobre 10. Cómpre subliñar que se analizamos a tendencia dende que se fai esta pregunta (ano 2002), o 2017 é o de valoración máis elevada. Destacar, en concreto, que un 52,2% da cidadanía da nosa comunidade dalle unha puntuación igual ou maior de 7 ao noso sistema sanitario público.

Os datos do Barómetro tamén reflicten que as galegas e galegos danlle un 7,81 sobre 10 á atención prestada polos médicos de atención primaria, e un 7,83 ao persoal de enfermería deste nivel asistencial. O trato recibido tamén recibe unha valoración alta en atención primaria, e se sitúa no 7,75. É importante destacar a alta valoración que recibe o tempo que o médico de primaria lle dedica a cada enfermo, que acada unha puntuación de 7,43. Igual valoración reciben os consellos médicos sobre estilos de vida.

As consultas externas hospitalarias son puntuadas cun 6,60 sobre 10, sendo as maiores puntuacións as acadadas no que se refire ao trato recibido polo persoal sanitario, 7,24; a confianza e seguridade que inspira o médico, 7,22; e a información recibida, 7,14.

Os ingresos e a asistencia hospitalaria reciben unha puntuación da cidadanía galega de 6,84, destacando aspectos como o equipamento e medios tecnolóxicos existentes nos hospitais (7,33), os coidados e atención do persoal de enfermería (7,33) e médico (7,20), así como a información recibida (7,09).

Cómpre destacar, igualmente, a boa valoración que as galegas e galegos lle dan ao funcionamento das urxencias hospitalarias, que recibe unha puntuación do 6,19 puntos, situándose, tamén, por riba da valoración media do Sistema Nacional de Saúde (6,09).

Usuarios do sistema

A valoración das persoas que utilizaron os servizos sanitarios públicos durante 2017 tamén é moi positiva en xeral, segundo recolle o Barómetro Sanitario. Así, preto do 90% (88,5%) dos usuarios de atención primaria destes servizos na nosa comunidade consideran que a atención prestada foi boa ou moi boa, cifra lixeitamente superior á media estatal. Sinalar, así mesmo, que preto do 80% (78,8%) dos pacientes en Galicia que foron atendidos nas consultas externas hospitalarias polos especialistas médicos refire unha atención boa ou moi boa.

Seguindo cos datos que reflicte o Barómetro Sanitario, cómpre remarcar que o 72,8% das persoas que tiveron ingresos en hospitais públicos do Sergas din que a atención recibida durante a súa estadía foi boa ou moi boa, e das persoas que utilizaron os servizos de urxencias públicos en Galicia, preto do 85% (84,7%) refiren unha moi boa ou boa atención.

O nivel de utilización nos últimos doce meses de determinadas prestacións ou modalidades de acceso aos servizos sanitarios públicos amósase na enquisa cun elevado nivel de satisfacción dos usuarios galegos. Así, o acceso á receita electrónica ten unha utilización do 74,7% e unha grao de satisfacción de 8,3 sobre 10. A cita por internet en atención primaria ten unha porcentaxe de utilización do 48,6% e unha satisfacción de 8,4. Polo que atinxe á consulta médica telefónica en atención primaria, a súa porcentaxe de utilización é do 44% e a satisfacción acada o 8,2 sobre 10. Por último, o acceso ao informe clínico por internet, a súa utilización é do 12,2% e a satisfacción é de 7,4.

No que atinxe á accesibilidade aos medicamentos, é destacable que o 91,3% dos usuarios manifeste que non ten deixado de tomar medicamentos prescritos polos seus médicos da sanidade pública por motivos económicos (88,6% na media estatal), mentres que un 3,9% refire que sí (4,7% en España).

O datos do Barómetro tamén constatan que se os cidadáns galegos enquisados puidesen elixir entre un servizo sanitario público ou privado, maioritariamente optarían por centros públicos para seren atendidos nas distintas modalidades asistenciais, e o fan con porcentaxes significativamente superiores á media estatal do Sistema Nacional de Saúde. Así, o 76,3% elixirían un centro público de atención primaria, fronte ao 67,8% da media do Estado. As consultas externas hospitalarias de centro público as elixirían un 61,9%, fronte ao 54,6% da media do Estado. A hospitalización en centro público resulta elixida por un 79,1% en Galicia, fronte ao 66,7% da media estatal. Por último, as urxencias públicas en Galicia son escollidas por un 77% fronte ao 65% da media de España.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada