Investigadores galegos reivindican o papel “transcendental” dos historiadores da arte á hora de elaborar series de televisión, películas e vídeoxogos cuxa trama se desenvolve na Idade Media

Marta Cendón, David Chao e Javier Castiñeiras, do Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago.

Marta Cendón, David Chao e Javier Castiñeiras, do Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago.

Varios investigadores da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares veñen de participar no      I Congreso Internacional “La historia en el ámbito educativo”, celebrado na Universidad de Granada. Trátase de Marta Cendón, David Chao e Javier Castiñeiras, do Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago.

No marco deste congreso, abordáronse, entre outros temas, a innovación educativa, novas metodoloxías de investigación, a análise dos procesos históricos de ensino-aprendizaxe, materiais e recursos, os contornos dixitais, os manuais de historia, as novelas históricas, películas e series históricas… Trátase dun espazo de reflexión e debate sobre investigacións xa desenvoltas ou en proceso de desenvolvemento en diversos países, que busca contribuír ao progreso da investigación e da ensinanza no campo da Historia.

Os membros da Rede de Estudos Medievais interviron neste encontro centrándose na función actual do historiador da arte. Así, analizaron as recreacións da arte da Idade Media en diversos medios audiovisuais como o cine, a televisión ou os videoxogos. En opinión de Javier Castiñeiras, “o papel do historiador da arte resulta transcendental á hora de elaborar este tipo de produtos culturais nos que o Medievo é o marco elixido para a trama. Corresponde a esta disciplina o labor de xerar universos verosímiles, xa sexan reais ou imaxinados”.

Os investigadores galegos salientan que hoxe en día, de maneira xeral, non se conta con historiadores nin historiadores da arte á hora de desenvolver estes productos culturais. Como exemplos de recreacións fieis da Idade Media destacan o caso de series como Isabel -emitida por TVE-, filmes como O nome da rosa ou Excalibur e videoxogos como Bloodborne ou a saga Assasins Creed, nos que si se contou cos estes profesionais como asesores fundamentais no proceso de creación destes contidos audiovisuais; “o que axuda ademais a abrir novas vías de inserción laboral alternativas para os graduados en Historia da Arte”. E destacan que os videoxogos están a desempeñar un protagonismo fundamental na actualidade á hora de recrear obras de arte, ao igual que o fan o cine ew a literatura.

Por outro lado, os investigadores sinalan a necesidade de mellorar a docencia centrada na Historia en xeral e na Historia da Idade Media en particular, aproveitando os novos medios técnicos que existen na actualidade, como é o caso das recreacións históricas e arqueolóxicas en 3D, que aportan unha gran fiabilidade. “Serían de grande utilidade nas aulas, tanto en educación primaria e secundaria como na propia universidade”,afirma Castiñeiras. Nesta liña, indica que, “a pesar de que se están empezando a romper as barreiras, o seu uso todavía resulta moi minoritario no eido educativo”.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada