O Igafa acollerá mañá unha xornada sobre as algas e os seus usos

seaweed with bubbles on fronds, close-up, shot underwaterO Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) da Consellería do Mar acollerá mañá a partir das 10.00 horas a xornada As algas e os seus usos. Esta iniciativa ten como obxectivo divulgar entre o alumnado e o profesorado do centro e o sector marisqueiro e empresarial da contorna, a importancia das macroalgas como recurso económico e as súas perspectivas de futuro. Tamén busca ser un foro de debate entre o ámbito educativo e o profesional sobre as algas e os seus múltiples usos.

Así, a xornada contará cunha conferencia inicial do profesor da Universidade da Coruña, Javier Cremades, sobre a bioloxía das algas e a súa importancia en acuicultura. Tamén incluirá dúas mesas redondas e unha actividade de divulgación gastronómica. A ela asistirá a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

Ten como obxectivo divulgar entre o alumnado e o profesorado do centro e o sector marisqueiro e empresarial da contorna a importancia das macroalgas como recurso económico e as súas perspectivas de futuro

A primeira mesa redonda da xornada tratará sobre extracción e transformación das algas para alimento humano e nela participarán representantes da Confraría da Illa de Arousa e das empresas Portomuíños e Algamar. A segunda mesa redonda será sobre a experiencia de diferentes empresas no uso industrial das algas como aditivos na industria cosmética e alimentaria e como suplementos para a alimentación animal. Nela participarán representantes de Lacteal, de CEAMSA e de Iuvenor Lab.

Ademais, ás 12.30 horas, contarase coa presenza de Javier Olleros, do restaurante Culler de Pau do Grove, para falar das algas na gastronomía e, xunto con Jorge Sánchez, do CIFP Carlos Oroza, e Eulogio Rosales, do IES Montecelo de Pontevedra, presentará o proxecto O papel de algas aplicado na cociña.

Por último, na clausura da xornada, que será a partir das 17.30 horas, presentarase a guía Macroalgas das costas de Galicia. A colección do IGAFA, que recolle as fotografías das 79 especies de algas prensadas que o centro mantivo en exposición desde o pasado 26 de abril.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada