Un colombiano que peregrinou a pé desde Saint-Jean-Pied-de-Port convértese no peregrino 100.000 de 2018 no Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, recibiron a Jorge Enrique Forero ao rematar a ruta xacobea.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, recibiron a Jorge Enrique Forero ao rematar a ruta xacobea.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, recibiron hoxe ao peregrino 100.000 despois de recoller a súa Compostela no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino. Trátase de Jorge Enrique Forero, un cidadán de 49 anos procedente de Colombia que peregrinou a pé polo Camiño Francés desde Saint-Jean-Pied-de-Port.

Esta era a segunda vez que Jorge Enrique Forero percorría o Camiño de Santiago, unha experiencia que viviu acompañado dun amigo. Colombia é precisamente un dos países de Latinoamérica que máis peregrinos achega despois de Brasil, Arxentina e México.

Trátase dun peregrino de 49 anos e de longo percorrido, pois realizou integramente o Camiño Francés, que percorre a ruta por segunda vez acompañado dun amigo

No que vai de ano, remataron xa o Camiño de Santiago un 10% máis de peregrinos que no mesmo período de 2017. O 66% dos camiñantes son estranxeiros chegados de 151 países. Isto está a consolidar a internacionalización da ruta xacobea cun crecemento sustentable que se apoia no Plan director do Camiño de Santiago. Esta folla de ruta, dotada con máis de 56 millóns de euros e impulsada pola Xunta de Galicia desde 2015, traballa por manter os valores tradicionais xacobeos e responde ás necesidades dos peregrinos no século XXI.

MELLORAS

Xunto á internacionalización, consolídase a diversificación de fluxos polos distintos itinerarios oficiais da Comunidade, nos que o Goberno galego realiza un intenso labor de mellora. O Camiño Francés comparte protagonismo co resto de rutas. A maioría dos peregrinos, en concreto un 57% do total, decantouse por esta vía, mentres que o 23% optou polo Camiño Portugués, ao que Turismo de Galicia dedica neste 2018 os seus principais investimentos, xunto co Camiño Portugués da Costa, seguindo o cronograma do Plan director. Así, vén de adxudicar o proxecto de mellora e sinalización, ao que se suma o futuro albergue de Vigo, a exposición De mar a mar que pode verse en Pontevedra ou a programación Vive o Camiño, con máis de 40 actividades, sesións de contacontos e música para todos de balde.

Así o fixera anteriormente co Camiño do Norte e o Camiño Primitivo tras a súa declaración como Patrimonio Mundial da Unesco, coa prolongación do Camiño de Fisterra e Muxía e co Camiño Inglés. E así o fará nos vindeiros anos coas restantes rutas xacobeas, de maneira que o Camiño de Santiago chegue en óptimas condicións á celebración do Xacobeo 2021.

REPERCUSIÓN

En paralelo a estas medidas, afóndase no coñecemento da realidade xacobea con iniciativas como o Estudo do impacto socioeconómico do Camiño de Santiago que, por iniciativa de Turismo de Galicia, ven de realizar a Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia. Esta exhaustiva análise achega resultados interesantes para a xestión e gobernanza da ruta por parte das diferentes administracións implicadas, as súas tomas de decisións, do sector privado e do movemento asociativo, configurando amais unha referencia para investigacións científicas.

Os principais resultados deste estudo da USC acreditan, a través de datos obxectivos e da percepción de veciños e peregrinos, a positiva repercusión do Camiño de Santiago en Galicia, especialmente concellos do rural. A súa influencia reflíctese en variables como o PIB, o emprego, o comercio local, as tendencias demográficas, a cultura ou a paisaxe.

Neste sentido, os investigadores da USC comproban que a capacidade de acollida real é superior actualmente ao número de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago e recollen a satisfacción de veciños e peregrinos. Máis do 98% dos segundos recomenda a experiencia e para dous de cada tres superou as súas expectativas. Por iso, a maioría pensa repetir.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada