O Camiño de Santiago e o Kumano-Kodo celebran en Toquio os seus 20 anos de irmandamento co compromiso de fortalecer vínculos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, coa directora da prefectura de Wakayama participou  nun acto institucional para conmemorar esta amizade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, coa directora da prefectura de Wakayama participou nun acto institucional para conmemorar esta amizade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Turismo da prefectura de Wakayama, Nobuko Goto, celebraron hoxe na cidade de Toquio un acto institucional para conmemorar os 20 anos de irmandamento entre o Camiño de Santiago e o Kumano-Kodo, co compromiso de continuar afianzando os seus vínculos e seguir así favorecendo o mutuo intercambio cultural.

Ambas rutas de peregrinación, dúas das máis importantes do mundo e protexidas pola Unesco co recoñecemento de Patrimonio Mundial, irmandáronse en 1998 comezando unha intensa relación que contribuíu a incrementar os lazos entre o país nipón e Galicia. De feito, Xapón rematou 2017 entre as 25 nacionalidades con máis peregrinos no Camiño de Santiago e na última década, o seu volume de camiñantes multiplicouse ata por cinco.

Tras abrir as celebracións deste aniversario o pasado mes de xaneiro en Madrid, no transcurso da Feira Internacional de Turismo, Fitur, a cidade de Toquio foi agora a escollida para conmemorar estas dúas décadas de amizade poñendo en valor os numerosos paralelismos que ambos itinerarios comparten, nun acto que tamén contou coa presenza, entre outros, do director da Oficina de Turespaña en Xapón, Magí Castelltort, e da presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón, Takako Kanezuka.

Pese a ter xurdido en territorios afastados entre si e contar cunha raíz relixiosa e espiritual diferente, ambos itinerarios teñen símbolos que guían aos peregrinos, dispoñen dunha vestimenta tradicional, están rodeadas de natureza, posúen destacadas mostras patrimoniais e son unha oportunidade de diálogo intercultural.

DIFUSION XACOBEA

Os participantes neste acto institucional valoraron moi positivamente estes 20 anos e amosaron a súa vontade por continuar fortalecendo os vínculos entre Galicia e Xapón. Este irmandamento enmárcase no traballo da Xunta, incluído no Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, que dedica unha das súas liñas de acción a impulsar as relacións internacionais apoiando e reforzando os contactos con administracións e axentes estranxeiros para reforzar así a difusión da cultura xacobea no mundo.

Xunto a este acto institucional, a axenda de Nava Castro en Xapón incluíu tamén hoxe unha presentación do destino Galicia na embaixada de España en Toquio. Participaron preto dun centenar de operadores, axentes e prensa especializada en viaxes, especialmente interesados na xestión galega ao redor do Camiño de Santiago, na enogastronomía, na Ruta da Camelia, no termalismo, nos recursos naturais e patrimoniais da Comunidade ou na oferta como destino de compras, entre outras. Tamén se incidiu nas múltiples posibilidades que ofrecen as costas galegas para deportes como o surf, nun acto que contou coa participación do surfista xaponés Ben Wei.

INTERNACIONALIZACIÓN

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, culminou así a súa estadía promocional en Xapón desta semana que a levou ás cidades de Osaka e Toquio. Xunto aos encontros con operadores turísticos e membros de prensa especializada en viaxes de ambas cidades, a responsable de Turismo da Xunta tamén ampliou os contactos institucionais con representantes de turismo do goberno de Tanabe City, a segunda cidade máis grande da prefectura de Wakayama, punto clave da ruta de peregrinación do Camiño Kumano-Kodo.

A viaxe tamén serviu para profundar nas relacións entre a ruta xacobea e o Camiño de Shikoku-Henro, o itinerario de peregrinación que busca obter a máxima declaración como Patrimonio Mundial da Unesco e co que Galicia está a traballar desde hai anos asesorándoo neste proceso. Turismo de Galicia avanza así no seu traballo por continuar internacionalizando o destino, un dos obxectivos da Estratexia do turismo de Galicia 2020, avanzando para iso na alianza de colaboración con Xapón, un dos mercados máis interesantes de Asia e que leva anos consolidando o seu crecemento en España.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada