A FP dual incorpora 11 novos ciclos na provincia de Pontevedra

ARCHIVO.

ARCHIVO.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia oferta de ciclos formativos para o curso 2018/19, a través do que se ofrecen 9604 prazas en primeiro curso en centros públicos na provincia de Pontevedra (en números moi similares ao curso anterior), en 383 ciclos e programas formativos autorizados nas diferentes modalidades e réximes.

Esta oferta avanza na implantación da FP Dual, unha das apostas do departamento educativo da Xunta de Galicia para impulsar a empregabilidade dos titulados e para axustar a formación profesional ás necesidades dos sectores produtivos. Amplíase ademais a oferta en ciclos en réxime ordinario e de adultos con importante demanda de emprego, como o caso da familia de Informática e comunicacións no IES de Teis. Neste sentido cómpre sinalar que o motivo mesmo de modificar a oferta de ciclos para cada curso vén derivado da necesidade de dar resposta ao tecido socio-produtivo de cada comarca e á demanda de titulados que solicitan as empresas, o que redunda nunha maior facilidade para que o alumnado da FP galega acceda a un posto de traballo ao rematar os seus estudos.

APOSTA

A oferta incorpora as súas principais novidades na FP Dual. Así, na provincia de Pontevedra entrarán en funcionamento 3 ciclos de grao medio e 8 de grao superior nesta modalidade.

En concreto destaca o incremento de ciclos formativos de dual nos centros da comarca de Vigo, en liña co proxecto de Campus de FP nesta zona que ten previsto desenvolver a Xunta de Galicia. Neste sentido, dos 11 novos ciclos de dual da provincia, 6 están en Vigo e un no Porriño, duplicando a oferta desta modalidade existente ata agora na comarca.

Os ciclos concretos amósanse na seguinte táboa (sombreados en amarelo os totalmente novos, mentres que os que están sen sombrear son novas edicións de ciclos que xa se estaban impartindo):

 

Centro Ciclo Empresa
CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo) GM Soldadura e caldeiraría Nodosa, Pipeworks, Urkira OX
IES Politécnico de Vigo (Vigo) GM Mantemento electromecánico Benteler Automotive Vigo, S.L.
IES de Valga (Valga) GM Soldadura e caldeiraría Alfogar, Eslabesa Building Systemas, Curvados Anros, Gama e Hijos, Sistemas Técnicos de Accesorio e Componentes, Maimbar, Fundivisa, Talleres Old de Carpintería Metálica, Tune Eureka
CIFP Manuel Antonio (Vigo) GS Fabricación de produtos farmacéuticos, biotecnolóxicos e afíns Lonza Biologics e CZ Veterinaria
CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo) GS Automoción Coper, Algupibe, Zina Móvil, Automóviles y Recambios de la Grela, Finisterre Motor, Hyupersa Vigo, Báltico automoción Pérez Rumbao, Bétula Cars e Inturasa-Pérez Rumbao
IES A Guía (Vigo) GS Xestión de vendas e espazos comerciais Media markt Saturn Administration, S.A.U.
IES Politécnico de Vigo (Vigo) GS Mecatrónica industrial Benteler Automotive Vigo, S.L.
IES Ribeira do Louro (O Porriño) GS Mantemento electrónico Servizos Eléctricos Abelmar, Digafer, CTAG
IES Fermín Bouza Brey (Vilagarcía de Arousa) GS Mecatrónica industrial Conserveras del Noroeste, Conservas Daporta, Conservas Selectas de Galicia, ANFACO-CECOPESCA, Mascato Salvaterra, CEFRICO, Depuradora Mariscos La Sirena, Escurís, Ignacio González Montes
CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) GS Xestión de aloxamentos turísticos Eurostars Hotel Company, SLU
CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) GS dobre titulación en Dirección de cociña e Dirección de servizos de restauración Eurostars Hotel Company, SLU

 

MODIFICACIÓNS

Como é habitual, a oferta de FP fluctúa para adaptarse ás necesidades do tecido produtivo e as características da poboación de cada zona, o que supón unha oportunidade laboral para os titulados. Deste xeito, o novo mapa contempla cambios en diferentes centros, a maiores das novas incorporacións en materia de FPDual.

Así, na FP Básica súmanse os ciclos en Actividades domésticas e limpeza de edificios (CIFP A Xunqueira, Pontevedra) e en Servizo comerciais (IES plurilingüe A Paralaia, Moaña), mentres que o Centro de Educación Especial de Panxón (Nigrán) suma o programa formativo básico de Cociña e o Centro de Educación Especial de Vilagarcía de Arousa incorpora o de Reprografía.

En réxime ordinario en grao superior incorpóranse os ciclos de Ensinanza e animación sociodeportiva (novo ciclo LOE que substitúe ao CS Animación de actividades físicas e deportivas LOXSE no IES A Guía, Vigo, IES María Soliño, Cangas, IES Miguel Ángel González Estévez, Vilagarcía de Arousa, e IES Sánchez Cantón, Pontevedra), e Desenvolvemento de aplicacións web (IES de Teis, Vigo).

Finalmente, en réxime modular para adultos serán novos o ciclo de grao medio en Soldadura e caldeiraría (IES de Valga) e, en grao superior, os ciclos de Automatización e robótica industrial (CIFP de Coia, Vigo) e de Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma (IES de Teis, Vigo).

ALUMNADO

Por outra banda, deixan de ofertarse por falta de alumnado, algúns ciclos. En réxime ordinario en grao medio deixan de ofertarse os ciclos de Carrozaría (IES A Sangriña, A Guarda), Xestión administrativa (IES plurilingüe A Paralaia, Moaña) e en Operacións subacuáticas e hiperbáricas (A Illa de Arousa); mentres que en grao superior deixan de ofertarse os ciclos de Animación de actividades físicas e deportivas (que se substitúe polo devandito LOE de Ensinanza e animación sociodeportiva no IES A Guía, Vigo, IES María Soliño, Cangas, IES Miguel Ángel González Estévez, Vilagarcía de Arousa, e IES Sánchez Cantón, Pontevedra), Sistemas electrotécnicos e automatizados (IES plurilingüe A Paralaia, Moaña) e Proxectos de obra civil e Organización e control de obras de construción (ambos no IES Politécnico de Vigo).

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada