Rey Varela visibiliza que as familias numerosas “teñen unha especial importancia na revitalización da pirámide de poboación”

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou hoxe un novo convenio co presidente da Asociación Galega de Familias Numerosas, Luís Sánchez.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou hoxe un novo convenio co presidente da Asociación Galega de Familias Numerosas, Luís Sánchez.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, insistiu hoxe en que un dos eixes centrais das políticas de familia da Xunta de Galicia “é dotalas dos servizos, recursos e medidas que precisan co obxectivo de apoiar o importante papel que desenvolven na sociedade, prestando especial atención ás familias numerosas, monoparentais e monomarentais, e aquelas que teñen baixo o seu coidado a persoas maiores e dependentes”. Así o indicou durante a firma de renovación do convenio de colaboración coa Asociación Galega de Familias Numerosas (Agafan) que dá continuidade ao programa do carné familiar, nun acto que tivo lugar nas dependencias de San Caetano e ao que asistiu o presidente da entidade, Luís Sánchez González.

O conselleiro explicou que a través do carné familiar “facilítase o acceso a distintos bens e servizos mediante descontos ou outro tipo de vantaxes, ampliando deste xeito os beneficios que outorga o título de familia numerosa”. De feito, trátase dun tarxeta gratuíta, persoal, intransferible e non financeira coa que os membros das familias numerosas que residen en Galicia obteñen importantes vantaxes ou descontos nos establecementos colaboradores con este programa.

Neste sentido, Agafan comprométese con este novo convenio a captar novas entidades dispostas a aplicar estes beneficios aos usuarios do carné familiar, manter actualizada e publicada na páxina web da asociación a guía de entidades e realizar a labor de difusión de información do devandito carné. Pola súa banda, a Administración autonómica contribúe con 16.500 euros ao financiamento dos gastos derivados da xestión desta tarxeta. O programa carné familiar está en marcha dende o ano 2011 e na actualidade arredor de 1.160 entidades ofrecen un trato preferente ás persoas usuarias deste carné, do que Agafan ten expedido máis de 70.600 unidades.

En Galicia hai rexistradas a día de hoxe un total de 24.086 familias numerosas, un 25% máis das que había fai tres anos. Para todas elas, a Consellería de Política Social está a traballar nunha segunda estratexia de apoio que dará continuidade a actual, en marcha desde o ano 2013 e que supuxo o desenvolvemento de medio centenar de medidas, tales como: deducións fiscais, exención e bonificacións de taxas no ámbito educativo, preferencia na adxudicación de prazas e redución de tarifa a abonar nas escolas infantís, beneficios no acceso á vivenda ou redución nos prezos do transporte público, entre outras.

Neste sentido, Rey Varela concluíu que as familias numerosas “teñen unha especial importancia na revitalización da pirámide de poboación achegando moitos máis fillos que a media, un mínimo de tres por familia”, lembrando que o desafío demográfico é unha cuestión prioritaria que implica de maneira transversal ao conxunto dos departamentos da Xunta de Galicia.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada