A DO Ribeiro entregou os seus galardóns recoñecendo a César Lumbreras co Premio de Honra

grupo-galardonados-ribeiro2A sétima edición dos Premios organizados polo Consello Regulador recoñeceu a César Lumbreras co Premio de Honra; a Sonia Prince, co de Muller e Viño; a Víctor de la Serna, co de Mellor Tarefa de Comunicación; e a Manuel García Montero, co Vida entre Vides

O Mosteiro de San Clodio acolleu hoxe a entrega dos Premios DO Ribeiro, que celebraron a súa sétima edición nunha Gala organizada polo seu Consello Regulador na que se deron cita máis de 250 persoas vencelladas co sector vitivinícola galego e que serviu para dar a coñecer tamén os mellores viños da Denominación de Orixe deste ano.

Entre os asistentes estiveron autoridades coma o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, a conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, os directores xerais de Gandaría, Belén Docampo, de Desenvolvemento Rural, Miguel A. Pérez, o director de Agacal, Manuel Rodríguez, entre outros. Tampouco faltou unha importante representación política da comarca así como profesionais chegados de toda España, como maioristas e xornalistas especializados.

A xornalista Marga Pazos foi a encargada de conducir unha cerimonia na que se fixo fincapé na relevancia do sector do viño na comarca e no espazo que ao longo dos anos ten acadado o viño do Ribeiro no mercado nacional e internacional grazas ao traballo levado adiante polo conxunto do sector, conseguindo posicionar no lugar que actualmente ocupan os viños da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia.

RECOÑECEMENTOS

Durante a gala déronse a coñecer, ademais, os galardóns aos mellores viños da D.O. Ribeiro, designados por un panel de cata de expertos, que onte mesmo participou na cata final con mostras recollidas en mercado, seis de cada categoría. O mellor viño branco de adega recaeu en Alter de Priorato de Razamonde; o mellor viño branco de colleiteiro foi para Eduardo Bravo de José González Álvarez; e o mellor viño tinto é Joaquín Vázquez 2017 de Joaquín Vázquez Martínez. Foron finalistas na categoría de branco de adega foron Señorío da Vila, Beade Primacía, Antonio Montero Autor, Divino Rei e Terra do Castelo Treixadura. Na categoría de branco de colleiteiro chegaron á final Canción de Elisa, Cuñas Davia A Xiada, Lagar do Meréns, Eduardo Peña e Manuel Rojo. E por último, en canto aos tintos, The Flowe and the Bee Sousón, Mónica Albor Mencía 2017, Viña do Campo Mencía 2017, Son do Arrieiro 2016 e Priorato de Razamonde 2017, foron os finalistas.
Ademais tamén se entregaron os premios honoríficos que recoñecen a traxectoria de distintos profesionais.César Lumbreras, responsable de Agropopular na Cadena COPE, recolleu o premio “Persoeiro de Honra”; oxornalista Víctor de la Serna recibiu o galardón que recoñece a “Mellor tarefa de comunicación”, Sonia Prince de Galimberti fixo o propio co premio “Muller e viño”, en nome da Asociación de Mujeres Amantes del Vino – AMAVI e o presidente de honra de Viña Costeira, Manuel García Montero, recibiu o de “Vida entre Vides”.

Ademais, na cerimonia recoñeceuse aos profesionais e establecementos galegos que procuran a excelencia. En “Mellor Servizo de Viño en Restaurante” destacouse á Bacelo Taberna Vinaria, de Ourense; o Premio “Mellor Tenda Especializada – Viñoteca” foi paraLa Tienda de Lino, an A Coruña; e o galardón á “Mellor Taberna-Bar de Viños” recaeu no Tamarindo, tamén situado na cidade das Burgas. Os finalistas na categoría de “Mellor Servizo de Viño en Restaurante” foron La casa de las 5 puertas (Pontevedra) e Paprica (Lugo), xunto co gañador, o Bacelo; no caso da Mellor Tenda Especializada – Vinoteca, os finalistas foron Juncal Alimentación (Pontevedra) e o Lagar (Burela), que compartiron final con La Tienda de Lino (A Coruña) e, finalmente, na categoría de Mellor Taberna-Bar de Viños, compartiron final co Tamarindo, ArteSana (Santiago) e Baraciña (Vigo).

PROTAGONISTAS OURENSÁNS

Esta edición da Gala de entrega dos Premios do Ribeiro tamén fixo un guiño ao mundo artístico ourensán que correu da conta do artista urbano ourensán, Mon Devane, quen fixo en directo unha das súas obras plásticas empregando as técnicas do graffiti e co particular estilo fotorrealista, e da man do pianista e compositor carballiñés Alfonso Medela Jazz, quen estivo a cargo da animación musical.

 

Premio Gañador
Mellor Viño Branco Adega Alter de Priorato de Razamonde
Mellor Viño Branco Colleiteiro Eduardo Bravo, de José González Álvarez
Mellor Viño Tinto Joaquin Vázquez 2017 de Joaquin Vázquez Martínez
Premio Gañador
Persoeiro de Honra César Lumbreras
Muller e Viño Sonia Prince de Galimberti (AMAVI)
Mellor Tarefa de Comunicación Víctor de la Senra
Vida entre Vides Manuel García Montero
Premio Gañador
Mellor Servizo de Viño en Restaurante Bacelo Taberna Vinaria (Ourense)
Mellor Tenda Especializada – Viñoteca La Tienda de Lino (A Coruña)
Mellor Taberna – Bar de Viños Tamarindo (Ourense)

XUNTA

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que os máis de 9,5 millóns de quilos de uva colectados pola DO Ribeiro en 2017 certifican a boa saúde da que goza a marca para afrontar os retos do futuro.

Durante a Gala do Ribeiro 2018, Feijóo lembrou ademais que a Denominación de Orixe Ribeiro, a máis antiga de Galicia, está composta por 115 bodegas situadas nos vales dos ríos Miño, Avia e Arnoia, ocupa 2.232 hectáreas de viñedo e nela traballan máis de 5.800 viticultores. E combinando tradición e modernidade é hoxe unha das denominacións máis antigas de España.

Nesa aposta pola calidade e a tradición, o presidente da Xunta incidiu en que a conquista de novos padais é o camiño que garante o futuro, e, nesta liña, referiuse ao traballo de César Lumbreras, Persoeiro de Honra por ser unha voz indispensable do relato do agro. Non en van, desde 1984 o programa Agropopular da Cadena COPE pon o acento en contar as preocupacións e os acertos do mundo rural e tamén en achegalo aos que non forman parte del.

Así mesmo, salientou a traxectoria de Víctor de la Serna, premio á Mellor tarefa de comunicación, e o labor da Asociación de Mujeres Amantes de la Cultura del Vino, Amavi, que apoia o traballo das mulleres do sector e achega a cultura do viño ás mulleres.

Como exemplo desa vida entre vides, Feijóo referiuse a Manuel García Montero, presidente de honra da Cooperativa Vitivinícola Viña Costeira, que viu na tecnoloxía unha panca de progreso para o viño galego e que, ademais, abandeira as cooperativas como paso adiante e como fórmula de éxito.

Logo de resaltar o papel da hostalería e do comercio como embaixadores dos viños galegos, o titular da Xunta concluíu incidindo en que apoiar a industria vitivinícola e achegala a novos consumidores son as claves do éxito dun sector fundamental non só para o rural senón tamén para a consolidación da marca Galicia.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada