O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago incrementou preto dun 40 % a captación de fondos no 2017, máis de 32 millóns de euros

Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago.

Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou o extraordinario potencial do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), no acto de presentación do balance deste organismo correspondente ao pasado ano. Segundo o conselleiro, a clave do éxito do IDIS, que se reflicte na traxectoria ascendente de resultados ao longo destes anos, “é a conxunción do esforzo continuado e un capital humano cualificado e comprometido”.

Tal e como destacou Almuiña, “o IDIS está a converterse nun modelo de integración do entorno asistencial e universitario. Un modelo que permite o desenvolvemento óptimo dunha I+D+i traslacional orientada aos retos actuais e futuros da nosa sociedade na contorna da saúde, con logros de impacto e instrumento de desenvolvemento económico de Galicia, tanto do sector público como do privado, promovendo fórmulas colaborativas”.

Coa recente actualización da nosa Lei de Saúde, queremos visibilizar, -dixo o conselleiro-, “o potencial da investigación e innovación como dinamizadores para que o sector sanitario actúe como motor de desenvolvemento económico en Galicia”.

No texto da presentación do balance anual 2017, José Castillo, director científico do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, subliña que “este informe reflicte o esforzo dos 80 grupos que constitúen o IDIS” e engade que “é o momento no que podemos presumir do que traballamos e do que temos conseguido, pero tamén nos permite reflexionar sobre os nosos obxectivos e fixar novas metas que nos axuden a seguir crecendo e a amosar o avance na xeración de coñecemento”.

Desde a súa creación, o IDIS promoveu a configuración de equipos multidisciplinares que fosen quen de abordar varias facetas da investigación traslacional tendo en conta a necesidade de xerar innovación en transferir os resultados ao noso sistema de saúde. Así mantivo un crecemento progresivo da cantidade e calidade científica. A investigación aplicada é o presente da investigación biomédica, -subliñou Castillo-, quen engadiu que a súa finalidade é “achegar os resultados do laboratorio ao doente con maior inmediatez e eficiencia, desenvolvendo novos diagnósticos ou métodos terapéuticos que beneficien á poboación e dean sentido ao noso traballo”.

“Podemos estar orgullosos da posición recoñecida do IDIS a nivel nacional e internacional”, destacou o seu director científico, “pero ese lugar implica a responsabilidade de liderar a I+D+i no ámbito biosanitario”, -afirmou Castillo-.

Balance 2017
Os grupos do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago captaron un total de 32.402.824 euros o pasado ano (23.638.401 euros en 2016) para desenvolver os seus proxectos de investigación, son preto de dez millóns máis que o ano anterior, continuando así a súa evolución ascendente. De feito, desde o 2009 a captación de fondos incrementouse case nun 300% (293 %).

É o cuarto instituto de investigación nacional en número de publicacións acadadas en cifras axustadas a número de investigadores e ó segundo instituto nacional en número de patentes rexistradas.

Máis de 14.326.000 euros dos fondos acadados proveñen dos 75 novos proxectos de investigación para os que se logrou financiamento, dos que 9 son internacionais. Outra das importantes partidas de financiamento son ingresos pola realización de estudos observacionais e ensaios clínicos, máis de 4.238.000 euros no pasado ano polos 296 novos ensaios e estudos asinados.

Na presentación da Memoria 2017 tamén se puxo de manifesto o incremento sostido no número de investigadores. Así, a finais do pasado ano acadouse a cifra de 1.064 profesionais con dedicación ao eido da investigación. O 65% están vinculados laboralmente ao Servizo Galego de Saúde e un 35% proceden da USC. Cifras moi alonxadas dos 319 que había no 2010.

Das 6 áreas nas que se dividen os 80 grupos de investigación (trece máis que no pasado exercicio) a que conta con máis investigadores é a de neurociencias, con 203 profesionais, xenética e oncoloxía teñen 195 investigadores cada un, mentres que á investigación das enfermidades inflamatorias dedícanse 191 investigadores; séguenlle endocrinoloxía con 129, e plataforma e metodoloxía con 122.

No 2017, os grupos de investigación do IDIS tamén incrementaron a publicación de traballos científicos editados en revistas especializadas ata acadar as 653, delas, 370 en revistas de primeiro quartil (Q1) as máis prestixiosas a nivel mundial e apartado no que máis crecemento houbo. Case a metade dos artigos publicados fixéronse en colaboración de grupos ou centros de fóra de España, cifra que da conta da internacionalización dos traballos dos investigadores do IDIS.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada