O 75% das axudas a investimentos produtivos en acuicultura no 2017 foron destinados ao sector mexilloeiro

Una colonia de mejillones Mytilus galloprovincialis, en una roca en Galicia.

Una colonia de mejillones Mytilus galloprovincialis, en una roca en Galicia.

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, lembrou hoxe no Parlamento que os produtores de mexillón recibiron o 75% das subvencións convocadas o ano pasado para investimentos produtivos en acuicultura. A este sector, explicou, foron parar 2,1 millóns de euros do importe total das axudas, que foi de 2,8 millóns de euros.

Así o sinalou en resposta a unha pregunta relacionada coas medidas da Xunta para potenciar o cultivo de mexillón na que tamén lembrou que esta tendencia é a mesma que a de anos anteriores. De feito, no ano 2016, do total dos 1,7 millóns concedidos para investimentos produtivos en acuicultura, máis do 80% foron para o sector bateeiro, expuxo Mercedes Rodríguez.

Ademais, a directora xeral explicou que nestes momentos se está a resolver a convocatoria de 2018 e que “é previsible que o número de proxectos aprobados vinculados co sector do mexillón supere ao resto de especies acuícolas”. Á convocatoria de 2018 para apoiar os investimentos produtivos, o incremento da eficiencia enerxética e o fomento do uso de fontes de enerxía renovables, así como os servizos de asesoramento técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico no ámbito da acuicultura, a Xunta destina preto de 18,7 millóns de euros.

A posta a disposición destas axudas cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), é unha mostra da aposta e o apoio da Consellería do Mar ao sector do mexillón. Un sector, subliñou a directora xeral, que representa arredor de dous terzos do valor da produción acuícola galega e que configura un conglomerado de empresas produtoras, transformadoras e comercializadoras que xeran uns 400 millóns de euros de facturación. Esta facturación, engadiu, supón o 30% da facturación das sociedades mercantís dos concellos do litoral e ademais os 10.000 empregos que xera o sector mitilicultor representan o 25% do emprego total nalgúns concellos do litoral.

En canto aos retos que debe afrontar este sector, Mercedes Rodríguez, sinalou que “hai conceptos que deben estar presentes na cultura empresarial desde a extracción para o consumidor”. Entre eles citou a trazabilidade, a seguridade alimentaria, o coñecemento da orixe do produto, o aporte de maior valor engadido, o respecto medioambiental e a sustentabilidade.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada