Sanidade adquirirá 22 novos equipos de anestesia destinados aos bloques cirúrxicos dos hospitais públicos por un importe total de 958.320 euros

Meixoeiro

ARCHIVO.

O Servizo Galego de Saúde acaba de sacar a licitación a adquisición de 22 novos sistemas de anestesia destinados aos bloques cirúrxicos de varios hospitais públicos dependentes da rede sanitaria pública de Galicia. O investimento total para a adquisición destas máquinas de anestesia, financiada nun 80% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo Feder 2014-2020, é de 958.320 euros.

Beneficiaranse destes novos sistemas de anestesia, por obsolescencia tecnolóxicas dos actuais, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (na Xerencia de Santiago), con 5 unidades; o hospital de Montecelo, na área sanitaria de Pontevedra-Salnés, con outras 5 máquinas; os hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro, na área sanitaria de Vigo, con outras 5 unidades; o Hospital de Ourense, na Xerencia de Ourense-Verín-Barco de Valdeorras, con 4 novos sistemas; o Hospital Lucus Augusti, na área sanitaria de Lugo-Cervo-Monforte de Lemos, con 2 novos equipos; e o Arquitecto Marcide, na Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol, con 1 nova máquina de anestesia.

A compra destes sistemas, de altas prestacións, está cofinanciada nun 80% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo Feder Galicia

Os novos sistemas de anestesia que se van a adquirir son de moi altas prestacións e mellorarán as técnicas anestésicas, sobre todo en cirurxías de moi longa duración. Inclúen tecnoloxía que permite reducir ao mínimo os axentes anestésicos subministrados ao paciente, incluíndo modos ventilatorios avanzados e técnicas automáticas de recuperación do doente postanestesia. Todas estas melloras redundarán na seguridade do paciente e na súa mellor e máis rápida recuperación, facilitando ademais o labor do profesional.

Outra das particularidades destas novas máquinas de anestesia é que son sistemas respectuosos co medio ambiente e incorporan ferramentas de xestión que axudan á redución de axente anestésico.

As novas máquinas melloran as técnicas anestésicas, especialmente en cirurxías de longa duración, con tecnoloxía que reduce ao mínimo os axentes anestésicos subministrados ao paciente

Esta licitación responde á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación, mellorando os servizos de atención sanitaria do Sergas coa adquisición do equipamento necesario para o bo funcionamento dos bloques cirúrxicos dos hospitais públicos.
As empresas interesadas en participar nesta licitación poderán presentar as súas ofertas no Rexistro Xeral da Consellería de Sanidade ata o 30 de xullo. Os pregos do concurso público poden consultarse ben no portal do sergas (www.sergas.es), no apartado do perfil do contratante, premendo no seguinte enlace https://bit.ly/2ujo6vM ou tamén no portal da Plataforma de Contratos Públicos de Galicia (www.contratosdegalicia.gal).

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada