Ernesto Zarraquiños, propietario da adega Crego e Monaguillo: “Si que creo que sei de onde vén o viño”

O seu nome responde á realidade. Quizais non exista unha adega que nazca dunha relación semellante entre dous ‘ernestos’. O crego -o padre paúl Ernesto Atanes Payo (1943-2017)- e ‘o Monaguillo’, que del foi algunhas veces e sobriño –Ernesto Rodríguez Zarraquiños, ‘Tito’- ata que a morte do primeiro os separou hai un ano.

Cando todo estaba preparado para celebrar o décimo quinto aniversario da adega, Ernesto Atanes faleceu dun veloz cancro o 5 de xullo do ano pasado. Durante 46 anos exerceu como capelán da colonia española na cidade de Londres. Na Capelanía Católica Española, un edificio situado en el acomodado barrio londiniense de Bayswater, acollía os galegos que chegaban sen nada ao Reino Unido e axudáballes en todo o que podía.

Ernesto, o seu sobriño, que agora forma sociedade coa súa irmá, valora a compañía deste singular socio. “Foi un camiño duro pero moi satisfactorio porque estiven ó lado dun ‘tío’ que era único. É imposible nunha entrevista, coma en mil, …” reflectir a súa personalidade.

Iso si, lembra o que dixo á súa morte o bispo de Tui-Vigo Luís Quinteiro Fiuza: “foi un regalo de Deus para os que o desfrutamos. Eu, cada día, estou máis convencido diso”, remata Ernesto Zarraquiños.

“Foi un camiño duro pero moi satisfactorio porque estiven ó lado dun ‘tío’ que era único. É imposible nunha entrevista, coma en mil, …” reflectir a súa personalidade.

“Era unha persoa que o único que quería, cando viña de Londres, que isto funcionase e desfrutar da adega cos seus amigos. El era sempre o home máis feliz do mundo con viño, xamón…e se podiamos acabar un pouco penecos todos, moito mellor”.

E segue Ernesto con paixón e emoción falando de ‘Crego’. “Era un home que desfrutaba disto enormemente. Tiña unha paixón que era o Entroido e outra a vendima –curiosamente, unha era un pracer e a outra un traballo-, pero el era un home que desfrutaba de todo e en tódolos escenarios”.

Foi o que internacionalizou a marca Crego e Monaguillo que nalgúns momentos chegaron a vender o 75% da produción en Reino Unido, onde el vivía habitualmente.

Por iso, Ernesto, ‘o Monaguillo’, quixo facer un acto de homenaxe na adega de A Salgueira, no seu primeiro aniversario, coa celebración da santa Misa pola súa alma e inaugurando unha sala na súa honra, chamada Father, o sábado 7 de xullo. A festa estaba prevista para maio pero a marcha de ‘Crego’ “cambiou todo”. E toda esta celebración encamiñada “aos nosos amigos e clientes, pero sobre todo amigos”, puntualiza Ernesto.

“Porque esta marca, se de algo pode presumir, é de ter amigos”.

Ernesto Zarraquiños, botando a vista 15 anos atrás, di que “Isto foi un soño. Se no 2002 me poñen un folio en branco e me din escribe aí o que che gustaría que sucedese no ano 2018, non sería nin o 10% de ousado de escribir a realidade de hoxe”, declara na entrevista exclusiva con Grupo ES.

Ao ‘Monaguillo’ non lle gusta falar do seu viño. “Sempre digo que o que ten que falar é o consumidor final. Eu só podo dicir: en cada botella que sae da adega Crego e Monaguillo vai o mellor que pode ser. Na miña opinión, claro. Podo estar equivocado. Afortunadamente, parece que o mercado entende, responde ou considera, que o que nós facemos é un produto dunha relación calidade/prezo incuestionable”.

“Como curiosidade, explica Ernesto, a nosa adega é coñecida por algúns polo godello e por outros polo mencía”. 

Da adega da Salgueira saen na actualidade un millón de botellas. “Este ano pasado, polas condicións meteorolóxicas que non podemos controlar, na comarca de Monterrei tivemos un baixón importantísimo…Pero esta adega está dimensionada para esa cantidade, cen mil botellas arriba ou abaixo”.

“Como curiosidade, explica Ernesto, a nosa adega é coñecida por algúns polo godello e por outros polo mencía”. E explica como hai adegas que aínda con brancos e tintos son máis recoñecidas por un ou outro, pero non polos dous.

“Posiblemente que teña esa paridade, hai moi poucas en Galicia. E nós tivemos esa sorte; que hai xente que lle gusta moito o noso branco e outra o noso tinto”.

A adega Crego e Monaguillo está adscrita á Denominación de Orixe Monterrei. Sobre o papel que fai a súa adega na DO, non quere Ernesto pronunciarse. Si que admite que están “cómodos” nela “porque non sei se nós fomos da man da DO ou a DO foi das nosas mans. Formamos parte da DO Monterrei e sentímonos moi orgullosos. Eu síntome moi orgulloso e creo que a DO tamén debería sentirse así de Crego e Monaguillo”.

Tamén conta Ernesto que unha das cousas máis bonitas que escoitou sobre a súa adega foi un comentario de alguén que dixo “que prefería ir coa marca Crego e Monaguillo que coa de viño de Monterrei”. E recoñece, “fíxome ilusión”.

Ernesto Rodríguez Zarraquiños é, a estas altura, un home feliz. A adega deulle “satisfaccións”. Antes “non era feliz co que facía. Eu agora, si. Coas contrariedades que non faltan”.

O ‘Monaguillo’ confesa: “Nacín entre uvas, pisei uvas de pequeno, lavei cubas de madeira desde dentro cun cepillo…Si que creo que sei de onde vén o viño”.

E volve a Ernesto Atanes. “Cando abrimos isto, ‘Crego’ e eu, quedou moi claro que isto era unha casa aberta. Que se quedaba a mesa sen recoller, ao día seguinte alguén a recollería…Pero que non podía haber malas caras. É iso foi algo que, mentres el estivo aquí, se cumpriu. E o que intento que siga coa miña irmá –agora a súa socia-. E que o conseguiremos, porque, senón, perderemos a nosa esencia”.

O ‘Monaguillo’ confesa: “Nacín entre uvas, pisei uvas de pequeno, lavei cubas de madeira desde dentro cun cepillo…Si que creo que sei de onde vén o viño”.

Dos seus pais e do seu tío, ‘o monaguillo’ aprendeu unha virtude, a humildade. “Eu creo que son a mesma persoa de hai 15 anos e non me gustaría perder a humildade nunca. Humildade.  Podes estar arriba, abaixo ou no medio, pero se es humilde sempre estarás”, sentencia.

Ernesto Zarraquiños non se considera a si mesmo un empresario. “Son unha persoa que me labrei un futuro que agora algúns chaman empresa. Para min, Crego e Monaguillo non é unha empresa”. E iso que fóra da entrevista di que son unhas 40 persoas as que traballan na adega.

Comenta que, hai pouco, un axente de banca veu á adega e “non entendía como todo isto non se estaba empezando a diferenciar. Isto é a miña vida –continúa Ernesto-, que máis me da que sexa de ‘Crego’ ou miña. Eu non me considero un empresario. Creo que son unha persoa que loitou e a vida me sorriu. E o meu esforzo me costou. Ninguén me regalou nada”.

Ernesto é apaixonado, transmite emocións…Fala de cada parte da adega con entusiasmo, tanto do viño como dunha porta de madeira. Este primeiro aniversario de Crego teno un pouco coa mirada atrás, cando para Crego e Monaguillo ábrese unha nova andaina sen o Crego.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1