O sector turístico galego pode solicitar ata o 31 de agosto as axudas da Xunta para a certificación da marca Q de calidade

O sector turístico galego pode solicitar xa as axudas para a certificación da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), convocadas por Turismo de Galicia e ás que poderán concorrer establecementos de turismo rural e hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos, axencias de viaxes, cafeterías, bares, restaurantes e empresas de servizos complementarios.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e estenderase ata o 31 de agosto. Considéranse actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade turística mediante procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca Q de Calidade Turística do ICTE, correspondentes ao ano 2018 e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2018.

En concreto, serán subvencionables os custes de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema facturados por entidade auditora acreditada polo ICTE e tamén os custes derivados dos dereitos de uso da marca Q no ano 2018, unha vez conseguida a certificación, o seguimento e/ou a renovación do establecemento, facturados polo ICTE ao establecemento. As bases completas da convocatoria pódense consultar no Diario Oficial de Galicia (DOG) e a presentación de solicitudes realizarase por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Na súa aposta pola excelencia, Turismo de Galicia convoca estas axudas avanzando así en dúas direccións: na consolidación dun destino cada vez máis competitivo e no interese por ofrecer aos viaxeiros o mellor servizo posible como parte da vontade dos galegos por brindar sempre a mellor acollida aos que visitan a Comunidade galega.

Galicia pechou 2017 converténdose na autonomía con máis distincións especialmente en eidos estratéxicos. En concreto, seis de cada dez instalacións náutico deportivas con Q de Calidade en España están en Galicia. No turismo rural, a metade dos establecementos de hospedaxe recoñecidos son galegos. O mesmo sucede cos servizos e infraestruturas de turismo industrial (46%), do turismo activo (37,5%) e cos balnearios (23%).

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada