A Xunta favorecerá o financiamento de 100 pemes galegas ao facilitar a concesión de préstamos a través do programa Resolve

A Xunta ten previsto mobilizar 15 millóns de euros en préstamos para impulsar o acceso ao circulante das pemes e os autónomos galegos a través do lanzamento dunha nova convocatoria do programa Resolve, co obxectivo de colaborar co tecido empresarial galego e contribuír ao mantemento do emprego mellorando a situación financeira de arredor de 100 pequenas e medianas empresas.

Esta iniciativa favorecerá o funcionamento diario das pequenas e medianas empresas facilitando a concesión de préstamos a partir de 3000 euros. Como novidade este ano, increméntase o importe máximo dos créditos ata os 500.000 euros, fronte aos 150.000 da anterior convocatoria.

Deste xeito, favorécese o acceso ao financiamento de circulante mediante préstamos avalados nun 100% polas Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) que, á súa vez, contan cun reaval da Consellería de Economía, Emprego e Industria polo 25% do risco asumido.

As operacións apoiadas a través do Resolve, que se articula a través dun convenio entre o Igape, as SGR e as entidades financeiras, terán un prazo máximo de duración de 7 anos, incluídos 2 de carencia. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 31 de outubro de 2018.

A través do programa Resolve, posto en marcha en 2009, a Xunta leva aprobadas nos últimos anos máis de 3200 operacións para mobilizar préstamos para circulante por importe de máis de 111 millóns de euros. Esta iniciativa, que mediante axudas en forma de garantía, favorece o acceso ao crédito das empresas galegas reforzándoas ante as entidades financeiras, forma parte do paquete integral de financiamento da Xunta denominado Galicia 1000.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada