Haberá situacións de calor intensa durante hoxe e mañá en puntos da provincia de Pontevedra e A Coruña

A Xunta de Galicia, a través do seu Comité de Plan de Calor, no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, informa que a situación meteorolóxica que afecta estes días a Galicia vén marcada polas altas presións, localizadas ao norte da península Ibérica, que aportan a estabilidade necesaria para que o ceo quede completamente despexado polas tardes. Ademais, dende onte domingo este anticiclón achegou aire cálido procedente do sur da penísula Ibérica. A combinación destes dous factores fai que as temperaturas sexan elevadas tanto durante o día como pola noite.

As máximas onte xa estiveron por riba dos 30ºC en moitos lugares, superándose os 35ºC en puntos do sur. Na pasada madrugada os termómetros non descenderon por debaixo dos 20ºC (situación de noite tropical) en puntos de Pontevedra e oeste da Coruña.

A situación de calor intensa durante o día, con noite tropical podería manterse na xornada de mañá martes en puntos moi concretos de Pontevedra e oeste da Coruña, pero as temperaturas comezarán a baixar entre a tarde do martes e a xornada do mércores nesas zonas e na provincia de Ourense, onde as mínimas están sendo xa máis baixas, durante a xornada do xoves.

PROTOCOLO

O Comité de Plan de Calor está formado, ademais de pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde; a Vicepresidencia e Consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; Política Social, e Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Este plan, que está operativo dende o un de xuño, establece as medidas necesarias para reducir os efectos na saúde asociados ás vagas de calor, os sistemas de previsión, alerta e comunicación a utilizar, e, ademais, define unha sistemática de intervención segundo os niveis de alerta establecidos. Por outro lado, establece as canles de coordinación interinstitucional entre as unidades competentes nesta materia.

Neste plan, os medios de comunicación e toda a cidadanía e organismos que constitúen a rede social de apoio existente á poboación máis vulnerable, son pezas básicas para evitar, na maior medida posible, danos á poboación.

RECOMENDACIÓNS

Sanidade quere, así mesmo, facer chegar á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor. Beberase máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas e evitaranse as comidas copiosas.

Respecto da vestimenta, Sanidade recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.

Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible, e nunca inferior a quince.

Recorde que, si ten parentes ou veciños que vivan sos, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada