A Xunta concede preto de 75.000 euros en axudas para executar 4 proxectos de mellora de espazos protexidos na área de Vigo

O delegado da Xunta en Vigo desprazouse hoxe ata Soutomaior para coñecer de primeira man a intervención que o concello ten prevista no paseo marítimo de Arcade.

O delegado territorial da Xunta en Vigo desprazouse hoxe ata Soutomaior para interesarse pola actuación que o Concello desenvolverá no municipio ao abeiro das ordes de axudas da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para acometer, nos anos 2018 e 2019, actuacións de preservación, recuperación e mellora en espazos incluídos na Rede Natura e no ámbito dos parques naturais de Galicia.

Segundo informoulle o alcalde, Agustín Reguera, durante a visita na que estiveron acompañados polo xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, José Manuel González, procederase á mellora da función de recreo público no paseo marítimo de Arcade. Instalaranse así paneis e balizas interpretativas dos ecosistemas e da importancia da Rede Natura, así como dos elementos patrimoniais que se definen ao longo deste espazo natural.

O paseo Marítimo de Arcade parte desde o peirao homónimo e recorre toda a zona litoral ata Monte Sampaio. Atópase nas marxes do espazo natural da Ensenada de San Simón e adéntrase lixeiramente na desembocadura do río Verdugo.

A través destas dúas ordes de axudas, publicadas o pasado mes de xaneiro e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural financiará investimentos non produtivos para acadar os obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito da Rede Natura 2000 e dos parques naturais de Galicia.

No conxunto da Comunidade, o departamento autonómico aprobou 224 proxectos por un importe de 3.063.802,30 euros, un 61,5% máis que a contía concedida na convocatoria anterior. Segundo indicou o delegado, no caso da área territorial de Vigo foron catro os concellos beneficiados (Pazos de Borbén, Nigrán, Baiona e Soutomaior) entre os que se distribúen preto de 75.000 euros.

En todos estes casos, as actuacións enmárcanse na orde para proxectos en Rede Natura, tal e como sinalou o delegado vigués, que aclarou que no conxunto de Galicia concedéronse preto de dous millóns de euros, en concreto, 1.961.062,67 euros distribuídos nun total de 139 iniciativas. Arredor do 60% deste importe destinarase a concellos con zonas Rede Natura nas que desenvolverán 67 proxectos; e o 40% restante, a titulares de terreos forestais ou agrícolas situados nestes espazos protexidos, e asociacións ambientalistas e de custodia do territorio con terras agrícolas situadas en áreas elixibles, que desenvolverán un total de 72 proxectos.

PARQUES NATURAIS

Polo que respecta ás axudas para acometer accións nalgún dos parques naturais da Comunidade, o importe total concedido ascende a 1.102.739,63 euros. Desta contía, 312.661,76 euros destinaranse a concellos con toda ou parte da súa superficie dentro dun parque natural; 26.356,53 euros a empresas con domicilio fiscal nalgún destes concellos; e 763.721,34 euros a titulares de terreos forestais ou agrícolas situados nos parques naturais e para asociacións ambientalistas e de custodia do territorio propietarias ou arrendatarias de terras agrícolas nestes espazos. En total aprobáronse 85 actuacións nos parques galegos: 73 delas a proposta de particulares, 9 de concellos e 3 presentadas por empresas.

O obxectivo común dos 224 proxectos seleccionados (72 máis que na convocatoria dos anos 2016 e 2017) é restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nos sistemas agrarios de alto valor natural, así como mellorar o estado da paisaxe rural tradicional para o mantemento das condicións ambientais necesarias nas zonas pertencentes á Rede Natura 2000 e, particularmente, naquelas que teñen a consideración de parque natural.

Os proxectos, tal e como se prevé na convocatoria, executaranse en dúas anualidades. Os beneficiarios terán dous prazos para comunicar o remate das accións e solicitar o pagamento da axuda que lle corresponda: ata o 14 de setembro no caso da anualidade de 2018 e ata o 31 de marzo para a anualidade de 2019.

PLAN DE DESENVOLVEMENTO RURAL

Cómpre lembrar que estas axudas inscríbense dentro do Plan de Desenvolvemento Rural, que recolle entre as súas liñas básicas de actuación conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a xestión sostible dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático, e mellorar a calidade de vida da poboación rural a través da prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, á creación de emprego e á redución do risco de pobreza.

Neste sentido, o tipo de actuacións seleccionadas perseguen a mellora da paisaxe agraria e do desenvolvemento de usos recreativos, como a construción de cercas, sebes ou a restauración de muros; a creación de roteiros, equipamentos de información e interpretación; a sinalización de camiños e outras de análoga natureza; accións dirixidas á recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais da paisaxe agraria tradicional (hórreos, miradoiros, cabanas, valados, fontes…); ou actuacións para a preservación dos hábitats ou ecosistemas naturais e seminaturais, de especies ameazadas ou de interese comunitario.

En canto aos beneficiarios das axudas, a maioría son particulares propietarios de terreos agrícolas e forestais, localizados nestas zonas, os propios concellos, asociacións ambientais e de custodia do territorio e, no caso concreto das axudas en parques naturais, tamén empresas con domicilio fiscal nun dos municipios localizados dentro do parque.

A Consellería subvenciona o 100% do custo das actuacións, cuns importes máximos de axudas que, no caso da orde en zonas Rede Natura 2000, se sitúa en 20.000 euros por proxecto sempre que o beneficiario sexa un concello, e en 12.000 euros para o resto de solicitantes; e no caso dos incentivos dentro dos parques naturais, o investimento máximo para solicitudes presentadas por concellos é de ata 40.000 euros, e para as restantes tipoloxías de beneficiarios, de ata 12.000 euros.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada