Amplía ata 188 o número de exemplares e formacións identificadas en toda Galicia

O Catálogo de árbores senlleiras incorpora un falso ciprés localizado en Santiago e unha formación de olmos de Barreiros

O Catálogo galego de árbores senlleiras acaba de incorporar ao seu rexistro un novo exemplar de falso ciprés en Silvouta, no termo municipal de Santiago de Compostela, e unha formación de olmos, localizada en Santiago de Reinante, no concello lucense de Barreiros. Así se recolle hoxe no Diario Oficial de Galicia, que publica a resolución pola que se anuncian as novas incorporacións ao catálogo tendo en conta as características morfolóxicas e a singularidade bioxeográfica de ambos elementos.

O Catálogo de árbores senlleiras, dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, é un rexistro público de carácter administrativo no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións merecedoras dunha protección especial en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou outro tipo de circunstancias.

Trátase dunha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións públicas, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza. De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este catálogo foi obxecto xa de diversas revisións.

Coas novas modificacións publicadas hoxe, pasa a incluír nos seus rexistros un total de 188 elementos (150 exemplares e 38 formacións arbóreas) pertencentes a 80 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias:

Árbores
Formacións
Total
A Coruña
43
13
56
Lugo
35
6
41
Ourense
22
7
29
Pontevedra
50
12
62
Total
150
38
188

NOVA SENLLEIRA
A nova árbore incluída no catálogo trátase dun exemplar de falso ciprés situado nunha parcela de propiedade privada no lugar da Silvouta, no concello de Santiago de Compostela, onde foi plantado polo seu valor ornamental.

A árbore, que está nun bo estado de conservación e de saúde, pasa a incorporarse ao Catálogo galego de árbores senlleiras polas súas salientables dimensións: 32,7 metros de altura total e 3,3 metros de perímetro normal. Existen xa dous exemplares desta especie incluídas no catálogo -unha en O Incio (Lugo) e a outra en Soutomaior (Pontevedra)- pero ambos cunha menor altura total que o exemplar de Santiago.

OLMOS EN BARREIROS

Polo que respecta á formación arbórea que acaba de incorporarse ao catálogo, trátase dun conxunto de tres exemplares de olmo situado nunha parcela de propiedade privada en Santiago de Reinante, no concello de Barreiros (Lugo).

Esta formación foi incluída no rexistro tamén polas súas dimensións (27 metros de altura e 3,3 metros de perímetro normal, no caso do exemplar de maiores dimensións) e atendendo tamén á singularidade xeográfica da presenza de exemplares desta especie no norte da provincia de Lugo.

Existe xa outra formación de olmos no Catálogo galego de árbores senlleiras, concretamente, os olmos do Xardín de San Carlos, en A Coruña, con exemplares de dimensións similares aos de Barreiros.

O catálogo tamén incluíra no seu momento un exemplar de olmo de maiores dimensións, situado nos xardíns do Pazo de Lourizán, en Pontevedra, pero faleceu no ano 2014 e consecuentemente, foi eliminado do inventario.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada