Arturo Grandal, alcalde de Salvaterra de Miño: “O Museo do Viño vai implicar tamén a Universidade para que investigue e colabore”

“A ponte internacional vai ser a primeira de Europa que sofre esta transformación de ampliación de servizos”

O alcalde de Salvaterra de Miño, Arturo Grandal, onte, na mañá do sábado, na Festa do Viño do Condado, no castelo de Salvaterra.

“Vai ser un museo punteiro e de referencia a nivel nacional” afirma Arturo Grandal cando fala do Museo do Viño de Salvaterra. Vaise rematar e inaugurar en decembro ou xaneiro e na cabeza do alcalde está que sexa un “museo vivo” para o cal vai buscar un bo director que “mobilice e coordine” todos os actores do mundo do viño.

Grandal quere  que a Universidade se implique tamén no museo realizando investigación e colaborando porque “o viño é un produto importante”. O museo vai ter un papel importante na difusión da cultura do viño.

Grandal atende a Grupo ES. en plena 59º edición da Festa do Viño do Condado do Tea. “Unha festa das máis antigas, das máis populares e das que máis persoas atraen”. Unha festa que proporcinou algo que faltaba nas festas gastronómicas. “Non hai que estar de pé. O concello pon mesa e cadeiras”. Por iso, Grandal presume de que a xente bota horas degustando os caldos da zona e os produtos gastronómicos da terra e o mar (marisco do Grove). “A comodidade é importante e facílitase a convivencia das familias, das cuadrillas de amigos que, ademais poden facer pequenas catas particulares”. As Noites Gastronómicas, con música en vivo, están a ser nos últimos anos todo un éxito de público que queda ata altas horas da madrugada charlando e degustando viños e gastronomía.

“A comodidade é importante e facilítase a convivencia das familias, das cuadrillas de amigos que, ademais poden facer pequenas catas particulares”

Outro proxecto en marcha en Salvaterra é dotar á ponte internacional que une a Capital do viño con Monção dun carril para peóns, pola dereita, e un carril de bicicletas pola esquerda. Deste xeito, o alcalde salvaterrense destaca que se van unir os carrís peatonís e de bicicletas de ambas vilas. Subliña o alcalde que vai ser a primeira ponte de Europa que sofre esta transformación de ampliación de servizos.

Gandal encadra isto no contexto da Eurocidade Moncão-Salvaterra de Miño. “Salvaterra ten 10.000 habitantes e Monção 20.000. Somos unha mesma vila con dous barrios, o Norte, Salvaterra e, o Sur, Monção. Estamos unidos por unha ponte que é como unha rúa”.

O alcalde destaca tamén a visión de futuro da corporación municipal que ten que ir por diante, “adiantarse”. “E algunhas veces”, admite, é así.

Buscamos financiamento europeo para botar no río un barco turístico que permita trasladar a turistas ás bodegas ribeireñas

Por iso a súa ilusión é converter o Miño nun “pequeno Douro”. Para iso, xunto cos municipios de Tui, Valença e Monção, a quen lles propuxo a idea Salvaterra, están a conseguir financiamento europeo para botar no río un barco turístico que permita trasladar turistas ás bodegas ribeiregas de Salvaterra –“que son cinco”- e poder atracar e visitalas a pé.

O outro proxecto, de inauguración inmediata no próximo setembro, son as termas romanas de Salvaterra. “Temos recuperado un terreo onde brotaba auga termal. Aquí o Concello explotará unhas termas públicas” que están na zona de paso do carril peonil e de bicicletas.

Fai un feliz xogo de palabras dicindo que se podería chamar tamén “Salvaterra do Viño”.

Xunto ao río e as termas Grandal fala do viño. É non se trabuca cando di que a Salvaterra de Miño é a única vila, na actualidade, que leva no seu nome o do río que a bordea. Ademais, fai un feliz xogo de palabras dicindo que se podería chamar tamén “Salvaterra do Viño”.

“Salvaterra é a Capital do viño”, afirma. E razoa que o viño non se pode deslocalizar nesta economía global. É por tanto “unha riqueza” para o municipio á que axuda o clima, o terreo, a proximidade ao río Miño e outros catro ríos máis que pasan polo municipio. En total son cinco ríos. Por iso, a subzona da DO Rías Baixas Condado do Tea é moi premiada nos seus viños. Os grandes viños prodúcense en lugares próximos aos ríos.

Arturo Grandal non se esquece do Parque Xardín da Canuda de 200 mil metros cadrados. “Un parque visitado por tantas persoas como as que visitan as Illas Cíes no verán”, asegura.

Engade a boa centralidade desta vila que está a 30 minutos de moitos lugares de Galicia e do Norte de Portugal, dentro dunha área cunha masa crítica dunhas 700 mil persoas.

Finalmente, este veterano alcalde anima a visitar a vila de Salvaterra onde hai máis metros cadrados verdes por habitante que na maioría dos municipios, onde se plantaron máis de 1.000 árbores e moitas camelias. Grandal xustifica así o lema de “Salvaterra, un xardín sobre o río Miño”.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada