A Xunta inviste 25.000 euros na recuperación do forno de campás de Barxacova

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, y la repesentante de la empresa.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá 25.000 euros na recuperación patrimonial do forno de campás de San Vítor de Barxacova, na localidade ourensá de Parada de Sil. Así queda recollido no convenio de colaboración asinado esta mañá polo conselleiro, Román Rodríguez, e a alcaldesa, Yolanda Jácome, segundo o cal o departamento de Cultura da Xunta de Galicia achegará os fondos e o Concello encargarase de encargar o proxecto arqueolóxico e de contratar as obras, que serán dirixidos por un arqueólogo.

O obxectivo da actuación é consolidar e poñer en valor o forno de fundición de campás deste xacemento arqueolóxico, dado que se trata dunha estrutura singular, por ser das poucas deste tipo descubertas en Galicia e que ademais presenta unha antigüidade maior, e a única conservada in situ susceptible de ser musealizada e visibilizada dentro do seu contexto orixinal do século IX d.C.. O forno está composto por un semicírculo de pedra miúda, tomada con barro e con restos de material latericio (ladrillo e tella), duns 70 centímetros de diámetro, conservando uns 50 centímetros de altura e de sección tendente a cónica, ou acampanada. O fondo da fosa é de barro, conservando o negativo dos moldes de barro nos que se botou o bronce que formou a campá, de 50 centímetros de diámetro na boca. Na parte traseira da fosa consérvase unha laxe granítica de gran tamaño, relacionada directamente coa boca superior daquela e colocada sobre unha camada de recheos exteriores que nivelan o terreo natural rochoso. Este terreo, con pendente cara o Norte, aparece amparado por un pequeno muro.

A través deste convenio de colaboración, preténdese levar a cabo a posta en valor do forno de fundición de campás do xacemento de San Vítor de Barxacova (Parada de Sil, Ourense). A dita actuación consistirá, en concreto, na realización dunha consolidación e musealización do singular forno de campás para incorporalo, como un destacado elemento, dentro do xa por si singular xacemento de San Vítor, aumentando o seu interese científico e atractivo cultural e turístico. Ademais da propia intervención arqueolóxica, está previsto levar a cabo diferentes accións de divulgación e difusión dos traballos arqueolóxicos realizados.

A NECRÓPOLE

A necrópole de San Vítor de Barxacova, unha das máis importantes do noroeste peninsular para o período alto medieval, representa un elemento fundamental na xustificación do valor universal excepcional da paisaxe cultural da Ribeira Sacra por constituír un testemuño de grande importancia do período de expansión do eremitismo na Alta Idade Media, así como polo lugar que ocupa, na desembocadura do río Mao no río Sil, na zona alta do canón.

Desde o ano 2010 a Consellería e o Concello de Parada de Sil promoveron unha serie de actuacións para o descubrimento, estudo, posta en valor e difusión da necrópole, a través de tres convenios de colaboración que supuxeron un investimento de 28.000 euros. As diferentes campañas revelaron a existencia dunha capela que existiu no alto dunha pena e unha serie de 35 sepulturas escavadas na rocha, repartidas en tres sectores diferenciados, do que se deduce a existencia dunha comunidade xerarquizada, máis aínda tendo en conta a presenza dunha “tumba privilexiada” que albergaría a algún personaxe destacado.
Así mesmo, realizáronse varias actuacións para a mellora da súa accesibilidade, con arranxo dos accesos, instalación de pasarelas e elementos protectores e diversa sinalización indicativa e interpretativa.

Entre as novidades do xacemento destaca o descubrimento de tumbas superpostas, o que nos mostra unha perdurabilidade no tempo deste tipo de enterramentos, ademais de claras probas de reaproveitamento das tumbas por máis dun individuo, cun curioso, e apenas sen paralelos, osario cuadrangular anexo aos pés da sepultura. A partir do estudo dos restos óseos é posible datar este xacemento no século X-XI, é dicir, o momento de máximo desenvolvemento do movemento eremita, coetáneo á Cidadela de Santa María entre os ríos Fiscaíño e Bibei (A Pobra de Trives).

En concreto o forno de fundición de campás foi escavado entre os anos 2013 e 2014 e soterrado por motivos de seguridade e conservación ata a intervención que agora se vai desenvolver.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada