A XII Feira Tradicional dos Remedios, prato forte das festas de setembro

A concellería de Cultura e Turismo do concello de Ponteareas presenta o programa das festas de setembro, un ano máis, ten como obxectivo ofrecer actividades para un amplo público no que todos os membros da familia atopen algún atractivo.

Dende o día 1 e ata o día 30 de setembro en Ponteareas poderemos asistir a concertos de diferentes estilos musicais, desfiles, concursos, obradoiros, espectáculos de maxia, animación nas rúas e diferentes ofertas culturais e de lecer.

Este sábado e domingo, como xa se anunciara, o museo municipal acolleu a exposición de bonsais, obradoiros de iniciación á poda e demostracións de traballos de madeira morta. O domingo día 2 comezou o XXXI Festival Folclórico a partir das 19 horas coa ruada das agrupacións folclóricas “Os Muíños de Oliveira”, “Casa Cultural de Areas”, “Pedra da Garza de Fozara” e “Algazara de Celeiros” que actuaron no auditorio municipal a partir das 20 horas.

Como novidade este ano por vez primeira, a veciñanza poderá participar no obradoiro de confección do traxe galego totalmente de balde todos os xoves de setembro (6,13, 20 e 27).

O venres día 7 ás 12:30 horas os xigantes e cabezudos toman as rúas do centro urbano e a animación musical tomará o relevo ás 21 horas e ás 23:30 horas coa agrupación The Turre´s Band. Ás 22 horas na Praza Maior terá lugar o espectáculo de maxia a cargo de Martín Camiña.

O prato forte desta primeira quincena de festas chega o sábado día 8 coa XII Feira Tradicional dos Remedios que abrirá as súas portas ás 10 horas na praza Bugallal, rúa Vidales Tomé e rúa Morales Hidalgo, exposición de gando, concurso de traxes de época con premios para os gañadores e gañadoras e animación de rúa. O concerto da Banda de Música Unión de Guláns e a actuación da orquestra La Dimensión na praza Maior ás 22 horas e ás 01horas completarán o programa para este sábado día 8 no que a famosa cantante galega SÉS ofrecerá un concerto na praza do Concello ás 23 horas.

O domingo día 9 a partir das 19 horas a segunda volta do XXXI Festival folclórico encherá de ritmo o centro urbano coa ruada das agrupacións folcloricas de Xinzo, S. Salvador de Padróns e Sadeo que actuarán no parque da Feira Vella ás 20 horas. Na praza Bugallal ás 21 e 00.00 horas actuará a orquestra Mar Azul e a orquestra Ceniza na praza Maior ás 22.30 e 01.30 horas.

O luns día 10 será festivo local e todo o mundo, maiores e pequenos, desfrutarán do tobogán acuático de maís de 60 m. instalado na rúa Constitución de 12 a 14.30 horas e de 17.30 a 21 horas. Este tobogán xigante retará a todos os que desexen atreverse co chapuzón, aberto a todas as idades. Tamén haberá animación de rúa a cargo do grupo Os Viqueiras e ás 22 horas música da orquestra espectáculo La Fórmula na praza Maior.

A presentación do premio Fermín Bouza Brey chega o xoves día 13 ás 20 horas no salón de plenos da casa do concello e o venres 14 a praza Maior será da mocidade que participará en obradoiros de DJ e Breakdance. Ás 19 horas inaugurarase no auditorio municipal a exposición de pintura de Aurora Quinteiro e Charo Quinteiro que estará aberta o mércores, xoves e venres de 18 a 20 horas e os sábados de 11 a 13 horas.

O concerto “Música Rebelde” contará cos grupos Son da Rúa, Ezetaerre e The Skarnivals no parque da Feira Vella ás 22 horas do sábado dia 15.

O domingo día 16 a Banda de Música Reveriano Soutullo ofrecerá un concerto nos xardíns do concello ás 12:30 horas logo de percorrer as rúas do centro da vila.

A programación cultural e festiva prolongarase na segunda quincena de setembro no marco das festas de San Miguel que tamén traerán a Ponteareas moita música, o  máis prestixioso concurso de gaitas do país e actividades para todos os públicos.

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, destaca a importancia de ofrecer actividades de festivas, de lecer e culturais nas que o máis importante sexa a participación da cidadanía que, con motivo das festas, pode gozar de momentos propicios para a relación social.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada