Cinemas de Galicia percorre 7 vilas galegas con 11 películas galegas e europeas de recente realización

Cinemas de Galicia, o circuíto de exhibición cinematográfica impulsado pola Consellería de Cultura e Educación a través da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), inicia mañá o seu segundo ciclo de programación anual, que se desenvolverá ata decembro en sete concellos. Allariz, Bueu, Cangas, Cariño, Cedeira, Celanova e O Grove acollen esta nova carteleira, que ofrecerá 24 proxeccións de 11 películas galegas e europeas de recente realización.

A nova programación arranca mañá domingo no Grove coa proxección, ás 19,00 h. na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey de Handia, a fita baseada en feitos reais ocorridos no País Vasco no século XIX que narra a historia dun home xigante, dirixida por Ramón Agirre e Jon Garaño e que gañou 10 Premios Goya 2018.  A oferta nese mesmo espazo continuará o 23 de decembro, día no que se dedicará a sesión a multigardoada dos Mestre Mateo Dhogs, a ópera prima do lucense Andrés Goteira con produción galega de Gaita Filmes. Tamén no Grove, pero xa en novembro e dentro da carpa institucional da praza do Corgo, proxectaranse o 4 de novembro The square, primeiro premio do Festival de Cannes 2017; o 18 de novembro, Mimosas, a celebrada obra do realizador galego Oliver Laxe rodada no Atlas marroquí; e o 25 de novembro, o documental Vigo 1972, sobre a histórica folga de 30.000 traballadores na cidade pontevedresa.

A selección do resto dos concellos confórmase en Allariz con A libraría, de Isabel Coixet  (21 de outubro ás 19,00 h.) e O fillo de Bigfoot (18 de novembro ás 18,00 h.). As dúas obras poderán verse na Casa da Cultura da localidade ourensá.

En Bueu, o Auditorio do Centro Social do Mar recibirá Dhogs (21 de setembro), A librería (19 de outubro), Stefan Zweig: adeus a Europa (2 de novembro), Lady Macbeth (22 de novembro) e O fillo de Bigfoot (1 de decembro). Todas as producións son ás 21:00 h., agás esta última que se adianta ás 17,00 h. por estar dirixida especialmente ao público infantil.

O Concello de Cangas programará unha única cita, con Dhogs o 2 de novembro na pantalla do Auditorio Municipal; en tanto que en Cariño tamén estará Dhogs (6 de outubro), Lady Macbeth (13 de outubro), Stefan Zweig: adeus a Europa (27 de outubro) e Verán 1993, de Carla Simón (10 de novembro). O Auditorio Municipal acollerá todas as sesións ás 19,30 h.

O público de Cedeira poderá ver no seu Auditorio Municipal Mimosas (30 de setembro ás 18,00 h.) e Dhogs (10 de novembro ás 20,00 h.). Pola súa banda, o Auditorio Ilduara de Celanova proxectará O fillo de Bigfoot (6 de outubro ás 20,00 h.), Santoalla (13 de outubro ás 20,00 h.), Stefan Zweig: adeus a Europa (3 de novembro ás 20,00 h.), The Square (11 de novembro ás 19,00 h) e Verán 1993 (17de novembro ás 19,00 h).

OBXECTIVOS

Cunha programación estable dende que se puxera en marcha en 2014, Cinemas de Galicia está a desenvolver en 2018 a súa quinta edición cos mesmos obxectivos fundacionais: dunha banda, ofertarlles novas vías de distribución aos filmes galegos e, doutra, incrementar o número de pantallas cinematográficas na nosa Comunidade. Estes propósitos compleméntanse coas finalidades de incentivar o consumo cinematográfico entre a cidadanía e de achegarlle a sétima arte en pantalla grande a concellos que non contan con salas comerciais.

Neste sentido, o catálogo que a Agadic lles propón aos programadores dos concellos se caracteriza pola calidade das fitas seleccionadas, tanto no que respecta aos títulos galegos como á oferta internacional. Así o demostra o feito de que unha parte moi ampla destes filmes teñan sido galardoados ou nomeados por algúns dos festivais máis importantes do panorama audiovisual internacional.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada