Castelao maxistral conta cunha ampla sección de pezas e documentos

‘A derradeira leición do mestre’ chega por primeira vez á nosa terra este icónico lenzo

‘A derradeira leición do mestre’ exhibirase, xunto 92 pezas, no Gaiás a partir do 5 de outubro, grazas á cesión temporal do Centro Galicia de Buenos Aires.

A Xunta de Galicia trae por vez primeira a Galicia A derradeira leición do mestre —obra icónica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e considerada o ‘Guernica galego’— como eixo central da exposición Castelao maxistral, da Cidade da Cultura de Galicia. A mostra, que se exhibirá no Museo Centro Gaiás do 5 de outubro de 2018 ao 3 de marzo de 2019, prantéxase como unha homenaxe ao papel que xogaron na construción do ensino público os mestres e mestras das tres primeiras décadas do século pasado (1900-1936).

“Castelo maxistral é un éxito deste goberno da Xunta que, superando as dificultades, logrou traer por primeira vez á nosa terra este icónico lenzo para que todos os galegos e galegas poidan gozar dunha das pezas máis representativas da nosa arte e cultura”, enxalzou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, na rolda de prensa que deu hoxe no Gaiás xunto ao comisario da mostra, Miguel Anxo Seixas Seoane, e os presidentes das fundacións Castelao e Alexandre Bóveda, Carlos Mella e Uxío-Breogán Diéguez, respectivamente.

Trátase da primeira mostra que recompila todos os debuxos dedicados ao ensino do artista de Rianxo, unha das figuras máis universais da cultura do país

Hai que recordar que Castelao pintou na capital arxentina, en 1945, A derradeira leición do mestre —baseado na estampa nº 6 do seu libro Galicia mártir— en homenaxe ao seu amigo e intelectual Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto de 1936. O óleo de máis de 2 metros de altura nunca tiña saído do Centro Galicia de Buenos Aires. Por este motivo, o conselleiro cualificou a mostra de “inédita e irrepetible” e gabou a xenerosidade desta institución “senlleira da Galicia na diáspora” nesta cesión temporal da obra. Ao respecto, quixo remarcar que Castelo maxistral tamén é un recoñecemento á Galicia emigrante, “aos milleiros de homes e mulleres que salvagardaron o legado patrimonial galego e continuaron a actividade cultural durante boa parte do século XX ata a actualidade”.

CASTELAO E OS MESTRES

Na súa intervención, Román Rodríguez explicou que a mostra supón, inicialmente, unha homenaxe a unha figura “icónica” como Castelao, do que lembrou que é un dos autores galegos “máis universais” e un dos que “máis fixeron na defensa da cultura e da identidade dos galegos e galegas como pobo”.

No entanto, tamén aclarou que a cerna de Castelao maxistral é pór en valor a labor dos mestres e mestras na construción dun sistema educativo público, no período que vai do inicio do século XX ata 1936. Nesta liña, afondou en que a exposición permite entender como a escola decimonónica, “tan ben retratada nos debuxos de Castelao”, experimenta nesa etapa “fondas transformacións”, impulsadas en boa medida por ideas pedagóxicas renovadoras.

A exposición da Cidade da Cultura de Galicia enxalza o papel na construción da educación pública dos mestres e mestras de entre 1900 e 1936

Neste senso, o comisario da mostra e vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, enxalzou a figura de Castelao e o seu esforzo e compromiso—tal e como incidiu que amosan todos os traballos expostos— en intentar conseguir en Galicia un ensino libre, universal e en galego. E destacou o fito de que Castelao maxistral supón poder contemplar reunidos por vez primeira nunha exposición todos os debuxos (40) que realizou o artista de Rianxo sobre o ensino obrigatorio en Galicia, que na época era ata os 9 anos.

A INTOLERANCIA

O proxecto expositivo de Castelao maxistral tamén aborda a ruptura desta renovación pedagóxica que supuxo o estoupido da Guerra Civil. E aquí é onde o relato expositivo sitúa A derradeira leición do mestre. Ao respecto, o conselleiro amosouse convencido de que contemplación deste impresionante óleo espertará “moitos afectos”, mais fixo fincapé en que esta obra icónica de Castelao ten “un impagable rol de reconciliación”. “A mostra céntrase en coñecer o pasado para comprender o presente, superando calquera forma de desprezo da opinión allea ou ánimo de desquite”, argumentou. “A educación —concluíu Rodríguez—, é unha gran ferramenta para evitar a intolerancia, o radicalismo e o fanatismo.”

Por iso, explicou que para artellar e completar todo este relato expositivo, Castelao maxistral conta cunha ampla sección de pezas e documentos (92), depositados nos museos e institucións galegas ou pertencentes a coleccións particulares (32 en total) co obxecto de incidir na homenaxe ao grande esforzo e compromiso dos mestres e mestras deses anos para asentar as bases dunha educación pública, “como institución central para a transmisión dos valores que vertebran unha sociedade democrática”.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada