O CGAC celebra o seu 25 aniversario con música, obradoiros, danza, cinema e unha intervención lumínica de Javier Riera

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director do Centro Galego de Arte Contempor‡nea, Santiago Olmo, presentaron en rolda de prensa a programación conmemorativa do 25 aniversario do CGAC.

O Centro Galego de Arte Contemporánea celebra o seu 25 aniversario con música, obradoiros, danza, cinema e unha intervención lumínica de Javier Riera, que poñerá en valor a colaboración entre Álvaro Siza, arquitecto do CGAC, e a paisaxista galega Isabel Aguirre para crear o parque de Bonaval. Trátase dunha programación con actividades destinadas a atraer un gran número de persoas a este “espazo aberto para o desenvolvemento, impulso e promoción da arte galega actual”, segundo o definiu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa de presentación das iniciativas.

No acto tamén participou o director do CGAC, Santiago Olmo, quen debullou polo miúdo a completa programación que o centro porá en marcha do 26 ao 30 de setembro para compartir esta importante efeméride con toda a cidadanía.

Anxo Lorenzo destacou que o centro é o lugar en que “a sociedade galega pode atopar unha selecta escolma da creatividade producida no ámbito das artes visuais en calquera punto do planeta”, pero ademais quixo salientar que as actividades que se organizan “melloran as nosas dinámicas culturais” e, polo tanto, serviron de punto de partida para articular a programación coa que se celebra esta efeméride.

INTERVECIÓN LUMÍNICA

A construción do edificio do CGAC realizouse ao tempo que se transformaba a horta de Bonaval nun parque, nun proxecto froito da colaboración entre Álvaro Siza e Isabel Aguirre. Unha transformación urbana da cidade de Santiago de Compostela que o artista Javier Riera (Avilés, Asturias, 1965) quere poñer en valor ao deseñar un paseo polo parque de Bonaval á noitiña. Coa escuridade aparecen sobre as árbores formas e xeometrías a través de proxeccións de luz.

A proposta de Riera, cuxo percorrido inaugural terá lugar o xoves 27 de setembro ás 21:00 horas, entra tamén no museo, a través de proxeccións que evocan desde a mirada e a tecnoloxía contemporánea a sensación máxica das covas do paleolítico. Así mesmo, no Espazo de Proxectos amosarase unha selección de vídeos de intervencións lumínicas en espazos naturais nas que se pode apreciar o paso do día á noite.

As proxeccións no exterior realizaranse do xoves 27 ata o sábado 29 de setembro, e os seguintes tres sábados do mes de outubro, desde o solpor ata a medianoite. O público poderá gozar desta intervención entrando ao parque desde o acceso flanqueado polo CGAC e o Museo do Pobo Galego.

MÚSICA, DANZA, OBRADOIROS E CINEMA

O venres 28 á tardiña, a danza chegará ao CGAC da man da compañía Thomas Noone Dance, co espectáculo Closer deseñado polo director e coreógrafo británico no que se investigan as diferentes linguaxes da danza que buscan a creación dunha linguaxe específica para cada bailarín e que cuestiona a identidade do ser humano e o seu control sobre o animal que leva dentro.

Á noite, contará coa actuación de Bombino, que fusiona ritmos bérberes tradicionais co rock e que vai presentar o seu novo álbum, Deran (Partisan Records, 2018), xunto co tuareg Illias Mohammed á guitarra e voz, o estadounidense Corey Wilhelm á batería e percusión, o mauritano Youba Dia ao baixo, o percusionista marroquí Hassan Krifa e Anana ag Haroun Assouf e Toulou Kiki nos coros. Un traballo que traza un itinerario polo deserto a través dos misteriosos sons contemporáneos procedentes do Sáhara.

O sábado 29 será o grupo galego Aló Django, composto por Xabier Mera, guitarra e voz; Quim Fariña, violín; Alfonso Calvo, contrabaixo; e David Tato Rodríguez, guitarra, o encargado de amenizar unha sesión vermú especial, que baixo o título Gypsy Swin achega un repertorio musical inspirado no jazz e na música dos xitanos manouche centroeuropeos dos anos 20.

A oferta cinematográfica céntrase o domingo 30 nunha homenaxe aos anos 20 do século XX, polo que se proxectará O maquinista da Xeral (1926), con banda sonora en directo interpretada pola formación Caspervek, integrada por Blas Castañer á percusión, Eduards Vecbastiks no violín e Brais González a cargo da composición e o piano.

ENTRE DIRECTORES

Cando se cumpren 25 anos é obrigado facer un exercicio de memoria e de valoración. O CGAC propón un reencontro con algúns dos directores que formaron parte da súa historia, como recoñecemento ao traballo colectivo dos equipos do museo e das persoas que os dirixiron, e tamén como unha mostra da interacción das ideas e propostas expostas con e para os diversos públicos. Co actual director, Santiago Olmo, como anfitrión, participarán nunha conversa aberta ao público Antón Pulido, Miguel Fernández- Cid e Miguel von Haffe o xoves día 26.

AVANCE

E para despois das celebracións centrais do aniversario, o CGAC ten preparadas novas exposicións e actividades que ocuparán o centro ata finais de ano, como a mostra Bleda y Rosa: Xeografía do tempo, que reúne 25 anos do traballo fotográfico de María Bleda (Castellón, 1969) e José María Rosa (Albacete, 1970), articulándoo arredor da serie Campos de batalla, un proxecto iniciado en 1994 e finalizado recentemente que se mostra ao completo por primeira vez. Será do 19 outubro de 2018 ao 20 xaneiro de 2019 e estará comisariada por Nuria Enguita Mayo.

Desde o 9 de novembro, a mostra Without de Julião Sarmento ofrece unha visión panorámica da obra do artista portugués, que recolle traballos arredor do cinematográfico que atravesa toda a súa traxectoria. Comisariada por David Barro e Santiago Olmo, poderase visitar ata o 3 de febreiro de 2019.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada