O catedrático de Estatística e Investigación Operativa da USC Wenceslao González Manteiga ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra esta tarde no Pazo de San Roque (Santiago) o acto de ingreso de Wenceslao González Manteiga, catedrático de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que se integra na Sección de Matemáticas, Física e Física do Cosmos da institución.

O discurso de ingreso do novo académico da RAGC titúlase “A estatística matemática na era do Big Data”. Nel explícase como internet, as novas tecnoloxías da información e os métodos innovadores de cálculo están propiciando unha revolución na estadística, cunha explosión de múltiples aplicacións que van desde os controles de procesos industriales ata a criminoloxía, pasando pola clasificación das noticias falsas e a medicina personalizada. Logo de pronuncialo, recibirá a medalla de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o diploma seralle entregado polo reitor da USC, Antonio López.

Ao acto desta tarde asisten, entre outros, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o director do Instituto Galego de Estatística, José Antonio Campo Andión; o concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago de Compostela, Manuel Dios; e o director da Escola Naval de Marín, Ignacio Cuartero.

No seu discurso explica como as novas tecnoloxías están a permitir unha explosión nas aplicacións da estatística en relación co manexo de enormes cantidades de datos.

González Manteiga (Sao Paulo, 1956) ocupa a Cátedra de Estatística e Investigación Operativa da USC desde 1992. É coordinador do grupo de Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións (MODESTYA), seleccionado como grupo de referencia competitiva pola Xunta de Galicia. É membro do Instituto Internacional de Estatística (International Statistical Institute – ISI) e do Instituto de Matemática Estatística (Institute of Mathematical Statistics–IMS).

Os campos de aplicación das súas investigacións cobren desde o sanitario ao financeiro, pasando polo medioambiental. Ao longo da súa traxectoria investigadora, liderou proxectos relacionados coa transferencia tecnolóxica, a través de colaboracións e convenios con diversas empresas desde hai máis de 25 anos a nivel nacional e internacional. É autor ou coautor de máis de 190 publicacións en revistas científicas e coautor de máis de 500 comunicacións presentadas en congresos nacionais e internacionais. Ademais, obtivo diversos premios de investigación.

No plano docente, conta cunha traxectoria de 39 anos de actividade como profesor de Estatística. Foi coordinador do Máster en Técnicas Estatísticas (mención de calidade), das universidades galegas no curso 2007-2008 e actualmente é membro da súa comisión académica. Impartiu cursos de doutoramento a nivel nacional e internacional e foi profesor invitado en varias universidades españolas e nas de Louvain A Neuve (Bélxica), Paul Sabatier de Toulouse (Francia), Brno (República Checa), IMPA (Brasil) e a Universidade de Bos Aires (Arxentina).

Ademais, é coordinador do grupo de traballo de estatística para datos funcionais do Consorcio Europeo de Investigación en Informática e Matemáticas (ERCIM) e representante da USC na plataforma científica internacional IAP network.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada