recollen o uso de plantas medicinais, minerais e certas partes de animais

Expertos no estudo de textos científicos da Idade Media abordan a relevancia de manuscritos para curar tanto a persoas como a animais

A Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares promove o Congreso Internacional “Ciencias da saúde animal e humana na Idade Media europea”.

A Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares promove o Congreso Internacional “Ciencias da saúde animal e humana na Idade Media europea”. É unha iniciativa que se realiza en colaboración coa Universidade de Santiago e a Consellería de Cultura. Comezaba esta mañá na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago e prolongarase ata o vindeiro xoves, 27 de setembro.

Neste evento participan expertos de universidades e organismos de investigación de Francia, Italia, Suíza, Bélxica e Portugal; xunto a outros procedentes de diversos centros de Galicia e doutros puntos de España. Son especialistas de referencia no estudo de textos científicos medievais, un tipo de obras moi pouco estudadas, debido á súa complexidade técnica, pero que proliferaron moito na Idade Media. Trátase de manuscritos médicos, veterinarios, farmacolóxicos e botánicos que recollen o emprego de plantas medicinais, minerais, pedras e certas partes de animais para curar tanto a persoas como a animais, ademais de instrumentos e procedementos cirúrxicos da época. Estas obras adoitan estar escritas en latín e logo traducíanse a outras linguas porque eran moi últiles nese período. Na actualidade o seu estudo é de interese para investigadores de Filoloxía, Historia, Medicina, Veterinaria, Farmacia e disciplinas afíns.

Este congreso pretende reivindicar a importancia deste tipo de textos, con frecuencia marxinados ou esquecidos nos estudos sobre a Idade Media, fronte ao que acontece cos textos literarios. A atención deste encontro estase a centrar de maneira particular nos manuais dedicados a preservar a saúde dos animais que foron signo de identidade da nobreza medieval, como é o caso do cabalo e as aves de caza.

PRIMEIRO TRATADO EN GALEGO

Un dos organizadores deste congreso é Gerardo Pérez Barcala, investigador de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago. Foi quen estudou e editou o primeiro tratado de Veterinaria escrito en galego e conservado nun manuscrito de principios do século XV. Trátase dunha obra que se centra na cura dos cabalos e que é tradución dun texto latino do s. XIII, o De medicina equorum, vertido a moitas outras linguas ademais do galego.

“A obra latina ocupa un lugar destacado no estudo da disciplina, ao ser o primeiro texto de Veterinaria que se coñece en Occidente, xa que ata entón este tipo de textos eran redactados polos árabes. O número de manuscritos que transmiten o De medicina ascende a 173, dos que 57 reproducen o texto en latín e os restantes consérvano en diferentes linguas romances (e mesmo en alemán e en hebreo). Por esta razón, pouco máis dunha decena deses manuscritos mereceron a atención dos estudosos, polo que é mínimo o que se coñece sobre a tradición da obra e hai un baleiro que urxe ir enchendo para resolver innumerables incógnitas ” -indica o investigador-. E destaca que “había tantas versións do De medicina equorum porque era necesario ter manuais prácticos sobre como coidar os cabalos, principal medio de transporte dos nobres”.

TEXTOS ESENCIAIS

Un dos poucos investigadores en Galicia e no resto de España que se ocupan do estudo destes textos científicos é o profesor Arsenio Ferraces Rodríguez, da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña. Explica que moitos destes manuscritos medievas nin sequera foron editados alomenos unha vez para poñelos a disposición do público ou é posible lelos só en edicións moi deficientes dos séculos XIX ou XX. Salienta que, “tradicionalmente, os estudosos da Antigüidade e da Idade Media viñéronse centrando nos textos literarios, que posúen unha elaboración artística intensa. Pero os escritos científicos, de finalidade práctica, recibían tamén un certo coidado formal. As persoas que os escribían eran formadas, adoitaban utilizar unha expresión correcta e con frecuencia tiñan tamén intención artística. É dicir, que o estudo destes manuais prácticos interesa tanto polo seu contido como pola súa forma”.

“Son textos esenciais para coñecer a vida ordinaria na Idade Media, dende o punto de vista histórico, pero tamén lingüístico. En moitos deles aparecen nomes de ingredientes, plantas, partes de animais… que se empregaban para facer remedios e que non coñecemos a través dos textos literarios. É o caso dos termos nébeda -menta silvestre- ou espigo -un dos nomes dos dentes caninos dos animais-, que se usaban para curar doenzas. O mesmo acontece con nomes de enfermidades como crebadura ou gota, termos herdados do latín polo galego como denominacións dunha hernia e da epilepsia.

O profesor Ferraces manifesta que moita desa Medicina animal e humana tradicional perdurou en toda Europa, xa que ata a segunda metade do século XX a fronteira entre a Medicina e a Veterinaria non era tan nítida como na actualidade. Explica, por exemplo, que “no mundo rural ata hai poucos anos existían os capadores de porcos, que empregaban unha técnica descrita nos textos antigos e medievais, e que é a mesma que se utilizaba para castrar aos eunucos. E en Galicia había curandeiros e compoñedores, que curaban con herbas e arranxaban torceduras, fracturas ou dislocacións de ósos, tanto en personas como en animais; exactamente como sucedía no caso da Medicina tradicional na Antigüidade e na Idade Media”.

TEXTOS DE COSTUMES GALEGOS

Neste encontro Ferraces falou de dous textos. Un aborda as vicisitudes curativas do voitre, tanto nun sentido farmacéutico como máxico. Afirma que “en xeral, considerábase que os animais salvaxes e de rapina tiñan maiores propiedades curativas debido ao seu carácter fero. Partes do corpo dos animais como a graxa, os ollos, os dentes, os pés, os órganos sexuais… empregábanse con fins terapéuticos xa dende a Antigüidade”.

O outro texto está moi vencellado con Galicia e refírese ao porco teixo, ao que aínda hoxe se lle atribúen propiedades curativas. “Comer a súa graxa era un medio para eliminar o frío e untada era un bo remedio para curar as doenzas reumáticas. Os seus dentes afiados usábanse como amuleto protector contra a peste, os raios ou o pedrisco. Os miolos untados eran bos en casos de podagra ou de epilepsia” -apunta o investigador-.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada