O ecosistema de innovación que conforman as startups ou as aceleradoras de empresas cubren ocos na cadea de valor da industria estratéxica en Galicia

entrega dos Premios TheHop: Programa de emprendemento colaborativo Estrella Galicia SA

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, animou este martes a seguir impulsando un ecosistema de emprendemento baseado na innovación e na diferenciación.

Durante a entrega dos Premios TheHop: Programa de emprendemento colaborativo Estrella Galicia SA, Feijóo referiuse, a modo de exemplo, ao ecosistema de innovación que conforman as startups ou as aceleradoras de empresas, e destacou a inauguración onte da terceira convocatoria da Business Factory Auto; unha aceleradora específica para o sector da automoción na que colabora ademais da Xunta, PSA, CEAGA ou a Zona Franca de Vigo.

Sobre este punto, o responsable do Executivo autonómico precisou que, desde que se puxo en marcha fai máis de dous anos, deu lugar á creación de 22 novas empresas, moitas das cales están xa cubrindo ocos na cadea de valor desta industria estratéxica en Galicia, cunha facturación de 10 millóns de euros e máis de 150 empregos creados.

“E o mesmo ocorre en toda a nosa rede de aceleradoras”, dixo, subliñando que, nestes últimos cinco anos, apoiáronse a máis de 900 proxectos como os que hoxe foron premiados neste acto.

Ademais da Business Factory Auto, Feijóo recordou que a Xunta, desde a Axencia Galega de Innovación, colabora con outras impulsadas por entidades ou empresas como Telefónica, Vodafone, o Consorcio Zona Franca, Tecnópole ou a Fundación Kaertor y Janssen.

Feijóo concluíu destacando a traxectoria de Estrella Galicia, “unha empresa que representa –dixo- a esencia da gran empresa galega: familiar, coa súa cuarta xeración no Consello de Administración; centenaria; exportadora, presente en máis de 50 países; en continuo crecemento e innovadora”.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada