As empresas galegas de conxelados supoñen máis do 35% do tecido empresarial

O seu volume de facturación ascende a preto de 6.500 millóns de euros, case un 50% do valor económico total do sector

Conxemar ,IFEVI ,nesta edición, alcanza o récord de expositores, cun total de 710, 102 máis que na edición pasada.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, renovou hoxe o compromiso do Goberno galego con Conxemar que, con máis espazo ca nunca, grazas á ampliación que se realizou este ano do IFEVI, cun investimento de case 4 millóns, permite ao recinto contar con 5.000 metros cadrados extra, convertendo Vigo na capital europea da industria pesqueira.

Durante a inauguración da feira internacional de produtos do mar conxelados Conxemar 2018, Feijóo precisou que todo este espazo fai posible que nesta edición se alcanzase o récord de expositores, cun total de 710, 102 máis que na edición pasada. Así, ademais de participar, por primeira vez, países como Estonia, están presentes os países máis importantes tanto a nivel de produción como de consumo de produtos pesqueiros: Estados Unidos, Portugal, Irlanda, Noruega, Chile, Arxentina, Perú ou Ecuador.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta destacou tamén a presenza de Galicia nunha feira que, en 2017, bateu o seu propio récord de asistencia, con 31.000 visitantes de 106 países e un volume de negocio estimado duns 2.000 millóns de euros. E resaltou que das 224 empresas españolas que conforman Conxemar, 97 radican en Galicia.

No tocante ás cifras do sector, e que dan idea da importancia na achega da Comunidade á industria e comercialización dos produtos pesqueiros a nivel nacional, o responsable do Executivo autonómico explicou que as empresas galegas supoñen máis do 35% do tecido empresarial que traballa neste sector; e o seu volume de facturación ascende a preto de 6.500 millóns de euros, case un 50% do valor económico total do sector.

O presidente Goberno galego avogou ademais por seguir traballando no eido da internacionalización e da competitividade, para seguir mantendo a posición do sector galego e acceder a novos mercados. Ao respecto, lembrou que, desde 2009, a Xunta puxo a disposición do sector en sucesivas ordes de axudas un total de 260 millóns de euros para impulsar o valor engadido das empresas e posicionarse con solidez no mercado. “E, para o período 2017-2020 están orzamentados 96 millóns de euros máis”, engadiu.

Como un exemplo máis da colaboración da Administración autonómica con esta feira, Feijóo referiuse a dúas iniciativas que se presentarán nestes días na feira, grazas a dous convenios: o proxecto de investigación PrimeFish, que compila as principais tendencias de consumo de produtos do mar nos principais mercados europeos, a análise da cadea de valor ou a competitividade do sector; e o evento Impresion 3D MINCE, relacionado cos avances conseguidos nas diferentes actividades de investigación realizadas pola Organización de Produtores de Pesca Fresca da Ría de Marín.

Por último, o responsable do Executivo autonómico subliñou que Conxemar xa se atopa entre as feiras internacionais de produtos do mar conxelados máis importantes do mundo xunto á Seafood de Bruxelas, o Salón de Boston e o de Hong Kong.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada